Urxen a retirada de toda a simboloxía franquista de Galicia
Segundo un informe do INE á Dirección Xeral de Memoria Histórica, hai vestixios da ditadura en concellos das catro provincias galegas doce anos despois da aprobación da Lei de Memoria Histórica 52/2007
Galicia en Común urxe a retirada de toda a simboloxía franquista do país. “É imprescindible acabar coa nomenclatura e a simboloxía fascista que aínda fica e avanzar en memoria democrática”, reclamaba hoxe o candidato e deputado de Galicia en Común, Antón Gómez Reino.
Segundo un informe do INE á Dirección Xeral de Memoria Histórica, hai vestixios da ditadura en concellos das catro provincias galegas doce anos despois da aprobación da Lei de Memoria Histórica 52/2007. Ademais dun incumprimento flagrante da legalidade, é dolorosamente ofensivo para a memoria das vítimas e un escollo para pechar un capítulo nefasto da nosa historia.
Na provincia de Ourense son seis os municipios sinalados por manter aínda visibles placas, escudos ou insignias, mencións conmemorativas ou outros obxectos de exaltación persoal ou colectiva da sublevación militar, da Guerra Civil ou da brutal represión na ditadura franquista.
No concreto, son os de Beariz, O Carballiño, Melón, San Cristovo de Cea, Tineo e Xunqueira de Ambía, no que abundan fontes blasonadas co xugo e as frechas da Falanxe. Tamén teñen pendentes tarefas de limpezademocrática os municipios pontevedreses de Tui, A Golada, O Porriño, Campo Lameiro, en Pontevedra, e outros catro en Lugo: Lourenzá, Quiroga, Ribadeo e Sarria.
“A Coruña e Santiago teñen avanzado moito na retirada dos vestixios franquista do rueiro e dos edificios públicos pero particularmente sanguento é o caso do Ministerio de Defensa en Ferrol”, subliña Gómez Reino, que mantén un reduto da nomenclatura franquista no rueiro interior do Arsenal Militar da cidade no que se gaban nomes propios da Ditadura como Marqués de Alborán, Almirante Vierna, Almirante Fernández Martínez, Cruceiro Baleares ou Soldado Lois”.
Galicia en Común ven traballando arreo nesta cuestión desde 2016 con distintas iniciativas no Congreso dos Deputados a prol da reparación e da retirada dos vestixios de 40 anos de cruenta ditadura. Entre outras, pedindo o cambio do nome do colexio CPR Salvador Moreno de Pontevedra, que homenaxea a un almirante franquista, a retirada dá Cruz de Vigo ou mesmo para instar ao cambio da carteleira informativa do CHUAC (Complexo Hospitalario Universitario da Coruña), antes Juan Canalejo.
“Foron miles os represaliados. Mulleres e homes, torturadas, golpeadas, fusilados, paseados en todas as vilas e cidades do noso país deixando unha fonda ferida. Moitas décadas de dor e loito calado para tantas e tantas familias que nos demandan reparación e xustiza”, lembra Gómez Reino.
“Iso é o que vimos facendo e o que vamos a facer a partir do 10N, de novo, nas institucións”, conclúe.