A Cidade da Cultura terá unha xincana matemática ou pilotaxe de drons para os máis pequenos da casa
O CPEIG e a AMTEGA organizan esta sesión de peche dos talleres xuvenís de verán TechKids, programa destinado a potenciar o talento dixital na mocidade galega
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizarán o vindeiro domingo, 27 de outubro, a xornada final do programa “TechKids”, talleres sobre programación, robótica, drons e animación 3D celebrados durante o verán nas Aulas CeMIT de Galicia. O evento celebrarase de 11:00 a 14:30 horas no Edificio do Centro de Innovación Cultural (Cinc) da Cidade da Cultura de Galicia (Monte Gaiás s/n) en Santiago de Compostela.
A actividade, enmarcada no Programa de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent, está destinada a estimular o talento precoz no ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións, así como fomentar o atractivo vocacional de profesións científico-tecnolóxicas entre a poboación máis nova. En concreto, a organización ten prevista a participación de aproximadamente un centenar rapaces e rapazas de 10 a 17 anos nunha xincana tecnolóxica con seis obradoiros diferentes.
Un dos talleres, “Tech escape room”, está deseñado para rapaces de 10 a 15 anos. Baséase nun deseño orixinal, coas mulleres como protagonistas e uns obxectivos claros: fomentar o goce pola aprendizaxe e o rendemento académico, a motivación do público participante e desenvolver competencias relativas á capacidade de liderado, traballo en equipo e capacidade crítica. Nesta actividade, os participantes farán uso de contidos matemáticos para crear enigmas, xogos e crebacabezas que necesitarán resolver para poder escapar da sala na que estarán pechados.
Outra das actividades centrarase no mundo dos drons. Os rapaces, de 13 a 17 anos, que participen neste taller de “Drones Leo Racing” gozarán da experiencia de pilotar drons e aprenderán diferentes aspectos técnicos de maneira lúdica e activa. Para iso, a actividade comezará cunha sesión formativa sobre normas básicas e técnicas de voo, que poderán ser experimentadas de primeira man nunha zona de probas. Posteriormente farase unha demostración dun circuíto de obstáculos con zonas led.
Ademais, os rapaces e rapazas de 10 a 14 anos poderán participar no taller “Microbit Experience”, onde poderán facer divertidos programas para crear emojis en movemento, enviar mensaxes secretas entre as microbils, ademais de programar varios xogos, como o de fronte ou cruz ou a realizar un dado electrónico. Microbit é un computador programable de pequeno tamaño e con detección de movemento, un compás incorporado e tecnoloxía Bluetooth creado para a educación. Conta coa súa propia contorna de programación gráfica, un editor de bloques de JavaScrip, pero tamén se pode programar con outras linguaxes que permiten un nivel máis avanzado.
Para seguir cunha frenética mañá de xogos e experiencias, a organización incluíu o obradoiro de “Leap Motion”, un sensor de movemento que permite controlar o computador mediante xestos que se realizan no aire. Os máis pequenos debuxarán no aire, moverán estruturas ou construirán coas súas mans, todo reflectido nun videoxogo. Por exemplo, o xogo permite mover as mans coma se se estivese a dar a volta á bóla do mundo e navegar así por Google Maps.
O “Electric Paint” é un xogo que permite experimentar con pintura condutiva que funciona sobre multitude de superficies como roupa, mobles, paredes, tea, etc. Estas pintura á auga posúen a propiedade de conducir a electricidade e son axeitadas para crear circuítos brandos e fabricar sensores. É unha actividade ideal para iniciarse na electrónica e a programación, ao mesmo tempo que axuda aos rapaces a poñer en práctica os coñecementos artísticos.
E nesta xornada tamén terá cabida o cine. Os pequenos de todas as idades poderán participar no obradoiro “A maxia do cine”. Nunha sociedade onde os rapaces os uns apaixonados de Youtube e dos mundos virtuais por aumentar o seu espazo vital, mostraráselles con este taller como conseguilo, converténdose en protagonistas da súa propia aprendizaxe facendo cameos nas súas películas favoritas.