Demandan unha mellora das marquesiñas dos bus na cidade e no rural
Tras as eleccións municipais, nun Consello de Administración de Tussa, o alcalde aceptaba a proposta do voceiro Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, para habilitar unha partida que tivera como un dos seus destinos a dotación dunha marquesiña adecuada ás necesidades do recinto de Santa Marta
O Grupo Municipal Popular presentará no vindeiro Pleno deste mes de outubro dous rogos para que o Goberno de Sánchez Bugallo proceda á mellora dalgunhas marquesiñas dentro do Concello compostelá.
Para elo, primeiramente, os Populares reclaman que, coa maior dilixencia posible, por parte do Goberno local se fagan as xestións oportunas para a urxente instalación dunha marquesiña na parada do autobús urbano situada no interior do recinto do aparcadoiro disuasorio de Santa Marta e esta instalación sexa,adecuada en tamaño e deseño e que inclúa os necesarios medios de información aos usuarios.
Así mesmo, tamén se lle solicita ao Goberno de Sánchez Bugallo que proceda á limpeza das marquesiñas do transporte público no rural de Santiago e, de forma simultánea, se contemple a incorporación progresiva nestas instalacións dun distintivo adhesivo de alta visibilidade que informe do nome do lugar, e mesmo da parroquia, onde se asenta cada unha delas, como medida para complementar o coñecemento e axudar no tránsito ao longo de Santiago.
MARQUESIÑA SANTA MARTA
Hai case ano e medio que este Grupo Municipal se interesara ante o Goberno local pola instalación desta marquesiña, posto que, neste lugar, existe unha parada totalmente á intemperie e sen a máis mínima posibilidade para poder resgardarse, o que supón graves inconvintes á veciñanza.
Os Populares lembran que, naquel momento, o concelleiro encargado desta área ponderou a iniciativa sinalando que se trataba dunha “parada importante”, pero a realidade é que pasados todos eses meses nada se fixo.
Posteriormente e despois das eleccións municipais do pasado mes de maio, nun Consello de Administración de Tussa, o actual alcalde aceptaba a proposta do voceiro do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, para habilitar unha partida que tivera como un dos seus destinos a dotación dunha marquesiña adecuada ás necesidades do recinto de Santa Marta, así como a instalación de postes informativos electrónicos, un dos cales podería emprazarse no referido aparcamento.
A pesar da evidente importancia e da gran actividade nesta superficie, motivada pola gratuidade das súas instalacións; a súa gran capacidade de acollida; e, sobre todo, pola súa situación próxima ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) que lle confiren un dobre valor de alternativa para o acceso aos servizos hospitalarios e para deixar os vehículos procedentes do sur da cidade, o certo é que a marquesiña segue sen ser instalada, o que segue a crear numeroso inconvintes tanto aos veciños como aos usuarios..
MELLORA MARQUESIÑAS NO RURAL
Os Populares indican que para as persoas que se move con frecuencia pola zona rural do Concello resulta habitual comprobar como as marquesiñas do transporte público ofrecen un pouco edificante exemplo de conservación e limpeza, co negativo impacto que isto ten, non só para a comodidade e satisfacción das persoas usuarias, senón tamén para unha valorización da paisaxe e da calidade ambiental que a todos, e de forma moi especial ás administracións públicas, nos debe preocupar.
Para o Grupo Municipal Popular, a prestación dun bo servizo debe incluír todos os elementos que o conforman para o transporte público, sobre todo, no rural, os sitios de abrigo para a espera do autobús son fundamentais, polo que requiren de especial atención.
Por outra parte, na mellora destas instalacións sería de gran utilidade e sinxeleza complementar o traballo coa colocación duns distintivos adhesivos que, adheridos aos laterais das marquesiñas das paradas dos autobuses, informaran do nome do lugar onde estas se emprazan, proporcionando así unha información de gran utilidade, non só para as persoas usuarias do servizo público de transporte, senón tamén de todas aquelas que percorran a rede viaria na procura de algún enderezo, algún elemento patrimonial ou polo simple pracer de gozar dun medio con múltiples posibilidade e cun gran poder de atracción.
Esta medida informativa xa fora incorporada hai anos nalgunhas das decenas de marquesiñas que se instalaron no Concello, pero non figura nas máis modernas instalacións coas que se foi dotando o servizo municipal de transporte no seu proceso de reposición e ampliación.