Alejandro Fernández e Joselyn Brea gañan a XX Carreira Pedestre Popular Concello de Ames
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, foi a encargada de dar a saída da proba absoluta.
Máis de 1.400 persoas participaron este domingo na vixésima edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames. Na proba absoluta participaron uns 484 deportistas, mentres que na proba escolar correron arredor de 921 rapaces e rapazas. Na proba absoluta impuxéronse Alejandro Fernández e Joselyn cun tempo de 29:56 e 33:43 respectivamente. Tanto na proba masculina como feminina fixéronse os mellores tempos da carreira pedestre popular de Ames.
A carreira pedestre disputouse nun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo, que discorreu pola contorna de Bertamiráns. Esta proba está incluída no VII Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña.
A saída e a chegada estiveron instaladas na rúa Alcalde Lorenzo, ao carón da praza do Concello. A concelleira de Deportes, Susana Señorís, foi a encargada de dar a saída da proba absoluta.