O Santiago Futsal suma e segue
Este venres ás 21:00 enfrontouse o Santiago Futsal contra o Pozo Ciudad de Murcia en Santa Isabel. Os dous equipos acudían á cita despois de gañar os seus últimos partidos, os galegos contra Móstoles por 2-3 e no caso dos visitantes ao conseguir un 7-0 contra o Irefrank Elche a pasada xornada
Os brancos querían a primeira vitoria como locais e os murcianos como visitantes o que, sumado ás similitudes entre os planteis e á filosofía de xogo particular de cada conxunto, prometían un choque interesante para inaugurar a sexta xornada da Segunda División da LNFS.
Os primeiros compases do partido deixaron claro como ía transcorrer o encontro: presión alta e tanto a posesión como as ocasións repartidas. Ao chegar o minuto 5 Peerapat culminou unha gran asistencia de Alberto Mirás despois dun roubo en zona perigosa e adiantou aos santiagueses.
Pirata case aumenta a distancia e os murcianos por pouco empatan o partido grazas a unha boa acción de Povea. Para mala sorte dos locais un gol en propia porta de Nito, ao defender un córner en contra, puxo o empate no marcador. Brian case desfai a igualdade enviando dous zapatazos seguidos á meta rival ( un deles ao traveseiro), pero a bucina soou aos 20 minutos deixando o encontro como estaba.
Coa continuación o Santiago buscou adiantarse de novo no electrónico, pero foi no minuto 28 cando Pirata, grazas a un penalti, conseguiu o 2-1 batendo a Sanabria cun disparo baixo á súa dereita. Pouco durou a alegría no cadro local, xa que Hugo Alonso aproveitou un mal saque de porta para poñer o 2-2 aos tres minutos de xogo.
Chegou o minuto 37 e con el a expulsión por dobre amarela de Peerapat. Aí os galegos tiraron de raza para defender cun menos durante dous minutos as acometidas de Elpozo Ciudad de Murcia. Santa Isabel así o recoñeceu, axudando ao equipo e case sumando o que faltaba na pista.
Unha última ocasión de Isma puido supoñer a vitoria, pero esgotouse o tempo levando ao Santiago Futsal ao seu terceiro partido consecutivo sumando puntos á súa marcadora.
David Rial comentou ao finalizar o partido que “fixemos un bo inicio de partido no que fomos superiores, pero a partir de aí non conseguimos manterlle o pulso ao partido. Durante o encontro cometemos certos erros que nos condicionaron e, unha vez chegada a segunda parte, a rapidez de circulación de balón do rival obrigounos a facer un esforzo físico moi grande. A pesar de todo estamos contentos co punto, encadeamos tres partidos seguidos sumando e iso é algo moi positivo.”
Coa fin de semana para descansar, o equipo volverá a Santa Isabel o luns para comezar o período de preparación de fronte á viaxe a Ceuta da próxima fin de semana.