Jácome anuncia que Ourense deixa o sistema VioGén e o axente encargado pasa á Policía Nacional
“Desta forma”, relataba o alcalde, “imos optimizar o sistema de seguimento e control asistencial, xa que se antes atendía unha persoa a 32 mulleres -a Policía Nacional ten 8 para 150-, agora poderá dedicarse a 19”
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou esta mañá en rolda de prensa que o Concello reforzará a atención ás vítimas de violencia de xénero na cidade. Logo de afirmar, o pasado martes, que as competencias do programa 'VioGén' -do que o Concello participa desde 2006- á Policía Nacional, Pérez Jácome notificou hoxe a solución -achegada desde a propia xefatura- á falla de persoal da Policía Local, que pasa por incorporar o policía responsable do programa durante todo o ano ao cuadrante do equipo da Nacional.
“Desta forma”, relataba o alcalde, “imos optimizar o sistema de seguimento e control asistencial, xa que se antes atendía unha persoa a 32 mulleres -a Policía Nacional ten 8 para 150-, agora poderá dedicarse a 19”, dixo. Resólvese tamén, desta forma, a situación laboral do traballador que se ocupa do programa, que agora poderá gozar de fines de semana e vacacións de forma natural. A súa incorporación ao cuadrante da Policía Nacional realizarase, como estaba previsto, o 22 de marzo, data na que se debía revisar o convenio do programa 'VioGén'.
O rexedor lembrou que as competencias en materia de atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero correspóndelle aos corpos de seguridade do estado, o que non quita que “ante calquera emerxencia, a Policía Local actuará como se espera que teña que facer”. Ademais, lembrou Pérez Jácome que Ourense é unha das 22 capitais de provincia españolas nas que a Policía Local presta este servizo, respondendo ás críticas dos partidos da oposición. “Outras capitais, como Lugo, gobernada polo PSOE, ou Santiago, non o teñen”, dixo, “e A Coruña acaba de incorporalo recentemente”.