Dodro presenta na Deputación da Coruña o proxecto de recuperación dos petroglifos de Bouza Badín
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, reúnese cos concelleiros de Dodro, Xoán Xosé Vicente e Abel Tarrío para estudar a iniciativa
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, reuniuse cos concelleiros de Cultura e Ensino de Dodro, Xoán Xosé Vicente Franco e Abel Tarrío, para estudar o proxecto de recuperación e posta en valor dos petroglifos de Bouza Badín. Ambas institucións acordaron dar pasos conxuntos para a mellora e promoción dun ben patrimonial de especial interese no Concello de Dodro.
Na xuntanza, que se desenvolveu na Deputación da Coruña, o vicepresidente da deputación, Xosé Regueira, e os concelleiros de Dodro, Xoán Xosé Vicente Franco e Abel Tarrío analizaron o proxecto de recuperación e posta en valor dos petróglifos de Bouza Badín e acordaron dar pasos para a realización da actuación que suporá unha importante mellora dun dos bens patrimoniais de máis interese do concello. Neste sentido, Xosé Regueira indicou a conveniencia de trasladar a urxencia do proxecto á Dirección Xeral de Patrimonio para que elaborara un informe sobre a singularidade do xacemento co fin de buscar vías de colaboración entre as tres institucións para a conservación e difusión do ben.
Entre outras accións, o proxecto presentado polos concelleiros contempla a sinalización do petróflifo e a súa limpeza, actuación urxente para eliminar a vexetación que neste momento cubre este lugar dun concello en que non se fixo ningunha intervención arqueolóxica desde o ano 2011.
O petróglifo de Bouza Abadín forma ademais parte do roteiro Pena Nao, baseado na novela de Anxo Angueira; un recurso de especial interese cultural e patrimonial que pasa polos principais lugares arqueolóxicos de Dodro.
Os petróglifos de Bouza Badín están considerados un tesouro da Idade de Bronce mais, mesmo así, carecen de sinalización, a excepción dun único indicador na estada AC-305. A situación require, segundo o proxecto presentado, unha intervención urxente que libere o petróglifo da vexetación que impide a súa visión ademais de desenvolver a completa sinalización do ben.