Os populares preocupados pola rotación do aparcadoiro de Pontepedriña
Os Populares tamén requiriranlle información de como ten pensado garantir a reserva de praza gratuíta para residentes na zona.
O Grupo Municipal Popular presentará unha pregunta no vindeiro Pleno ordinaria para coñecer se o Goberno de Sánchez Bugallo valorou a posibilidade de garantir a rotación no aparcadoiro de Pontepedriña de forma gratuíta, sen ter que recorrer a ampliar o cobro imposto polo Goberno de Compostela Aberta. Os Populares tamén requiriranlle información de como ten pensado garantir a reserva de praza gratuíta para residentes na zona.
Cabe sinalar que, na primavera deste mesmo ano, o Goberno de CA, despois de tres anos de gratuidade e co argumento de garantir a rotación, tomaba a decisión de implantar o cobro polas mañás no aparcadoiro disuasorio de Pontepedriña, unha superficie executada e financiada pola Xunta de Galicia en terreos cedidos polo ADIF.
Precisamente, a condición da cesión, que significaba que os terreos non puideran xerar beneficios, foi esgrimida polo anterior Executivo local como causa para non cobrar tamén polas tardes.
A medida contou coas críticas de cidadáns e de colectivos, dos que sempre se fixo eco o Grupo Municipal Popular, que se manifestou a favor da necesidade de garantir a rotación de vehículos, pero contrario a que dita rotación unicamente fora posible mediante a imposición dunha tarifa, posto que existen outras posibilidades que non terían repercusión no peto da cidadanía.
A pesares das queixas do Populares, veciñanza e usuarios, o actual Goberno, non so mantivo o cobro nestas instalacións, senón que, desde hai uns días, ampliou o horario de cobro tamén ás tardes, como unha medida para evitar que os vehículos permanezan de un día para outro co pago unicamente da tarifa mañá. Ademais, anunciou que implantará tamén a reserva de aparcamento nocturno nesta área.