Os centros socioculturais da cidade acollerán charlas para chamar a atención do Dano Cerebral Adquirido
Están dirixidas á poboación xeral e nelas falarase de causas como o ICTUS, da prevención, pautas de coidados, atención especializada, dereitos etc
Chamar a atención da dimensión social do Dano Cerebral Adquirido (DCA), incidir na importancia da prevención, explicar a importancia da atención especializada ou falar dos dereitos das persoas e familias nesta situación, son algúns dos obxectivos que ten o ciclo de charlas que, durante os meses de outubro, novembro, decembro e xaneiro, desenvolverá Sarela en 17 centros socioculturais da cidade, barrios e parroquias de Santiago.
A primeira charla celebrouse o venres pasado na Pontepedriña e este mércores e xoves serán na Almáciga (ás 18:00 coa traballadora social de Sarela, Olalla Domínguez) e en Santa Marta (19:00 coa psicóloga Junquera Novo, tamén de Sarela). O arranque destes encontros no mes de outubro débese á celebración o próximo sábado 26 do Día do Dano Cerebral Adquirido.
Hoxe, o DCA é a primeira causa de discapacidade e dependencia en España. A pesares diso, a maior parte da poboación non identifica correctamente o “dano cerebral adquirido”, realidade que cambia cando falamos das causas que o provocan (ICTUS, traumatismos cranioencefálicos, tumores cerebrais etc) xa que a maior parte da poboación ten ou coñece un caso directo no seu entorno familiar e social. Hoxe o ICTUS é a primeira causa de mortalidade en España pero tamén a de DCA. Grazas aos avances médicos e asistenciais, cada vez máis vidas son salvadas pero moitas delas continuarán con distintas secuelas, o DCA, e polo tanto cun alto impacto en termos de dependencia e cronicidade. Hoxe calcúlase que en Galicia unhas 35.000 persoas teñen dano cerebral.
Inverter esa situación de cara a que as persoas e familias teñan a mellor atención e saiban como actuar en cada momento, é un dos obxectivos das charlas que agora organiza Sarela nos centros socioculturais da cidade. Orientadas á poboación xeral, nas charlas incidirase na prevención en función das causas; daranse pautas de coidados e recomendacións sobre trámites en caso de que nalgún momento teñamos que enfrontarnos a esa situación; explicarase a importancia da atención especializada e dos recursos existentes; explicaranse as secuelas tan diversas que se poden derivar dun DCA e presentarase o programa de voluntariado da entidade.
Este ciclo de charlas forma parte do programa de información, orientación e apoio a familias que, xunto co centro de día terapéutico, o servizo de rehabilitación, orientación laboral e terapia acuática, son as pezas que configuran os servizos de Sarela.