Dúas persoas resultaron feridas de consideración a causa dunha colisión múltiple en Cambados
Foron tres os turismos implicados neste sinistro, que, ademais, provocou o corte da circulación ao paso pola parroquia cambadesa de Vilariño
Dúas persoas resultaron feridas de diversa consideración a causa dunha colisión múltiple na vía de alta capacidade que une Cambados con Vilagarcía.
Como consecuencia do impacto, os feridos quedaron atrapados no interior dos coches implicados, polo que necesitaron da axuda dos bombeiros para abandonar os vehículos e ser atendidos polo equipo sanitario.
En total, foron tres os turismos implicados neste sinistro, que, ademais, provocou o corte da circulación ao paso pola parroquia cambadesa de Vilariño. De feito, os axentes da Garda Civil de Tráfico e Policía Local deberon desviar o tráfico pola PO-549 mentres duraron os traballos de atención aos feridos e retirada dos vehículos sinistrados, así como a limpeza dos restos ocasionados polo impacto.
Eran as 8:30 horas de hoxe cando o 112 Galicia recibiu diversas chamadas de particulares que daban conta dunha colisión con tres vehículos implicados na VG-4.3, en Cambados. Igualmente, pedían asistencia médica urxente para os feridos, que, ademais estaban atrapados. Deste xeito, desde o 112 Galicia, avisouse aos Bombeiros do Salnés para liberar ás persoas e facilitar a súa atención por parte do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. De feito, as dúas persoas excarceradas foron evacuadas con lesións de diversas consideración, unha delas ao centro de saúde da localidade e outra ao centro hospitalario de referencia.
O impacto deixou numerosos restos na calzada, polo que foi necesaria a participación do persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas, aínda que nestas tarefas tamén colaboraron os Bombeiros do Salnés, que aportaron máis auga para limpeza e recuperar as condicións de seguridade da calzada.