As conferencias "O Camiño de Santiago, espazo para a comunicación en directo" visitan Padrón
A Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA) organiza o ciclo co respaldo do Xacobeo
Padrón, localidade de enorme significado dentro do movemento xacobeo e punto clave do Camiño Portugués a Compostela, será este martes 15 parada do ciclo de conferencias O Camiño de Santiago, espazo para a comunicación en directo, organizado pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA). O experto xacobeo Manuel Rodríguez Fernández falará para alumnos do IES Camilo José Cela padronés ás 9:35 horas.
Con este ciclo, APECSA quere alentar á mocidade a traballar nunha tarefa común: a conservación, promoción e valoración do Camiño de Santiago como un ben patrimonio de todos, como un espazo cultural de comunicación e de espiritualidade, un dos máis importantes dinamizadores da economía dos lugares por onde pasa. Na conferencia de Manuel Rodríguez terá un peso importante o debate sobre a conservación da natureza e do patrimonio e sobre a harmonía do territorio co seu desenvolvemento, defendendo os valores de solidariedade, igualdade e liberdade que se desprenden deste itinerario de comunicación.
O ciclo inclúe 14 conferencias a desenvolver no meses de outubro, en localidades situadas nos diferentes Camiños. Despois de Padrón, APECSA visitará centros de ensino da Gudiña (día 16), Muxía e Fisterra (día 17), Melide (día 18), A Fonsagrada (día 21), Neda e Ourense (día 22) e Sarria (día 24). Nelas colaboran as principais asociacións xacobeas de Galicia.