miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O Grupo Común da Esquerda propón medidas para atender a demanda de vivenda de protección social

O Grupo Común da Esquerda propón medidas para atender a demanda de vivenda de protección social
O Grupo Común da Esquerda propón medidas para atender a demanda de vivenda de protección social

As medidas propostas están orientadas a que nun prazo máximo de 3 anos se dea resposta aos demandantes, xa que no rexistro da Xunta figuran nesta condición case 14 mil persoas

 Grupo Común da Esquerda presentou este venres unha batería de medidas que levará ás comisións e plenos do próximo mes para atender a demanda de vivenda de protección social existente en Galicia. O voceiro do Grupo, Antón Sánchez, debullou estas propostas e criticou as políticas nesta materia do Goberno do PP, que “son as máis antisociais do Estado e están guiadas polo negocio da vivenda e non polo dereito á vivenda”. 

As medidas propostas están orientadas a que nun prazo máximo de 3 anos se dea resposta aos demandantes, xa que no rexistro da Xunta figuran nesta condición case 14 mil persoas, mentres que o Executivo de Feijóo adxudicou dúas axudas no 2018.  “Esta política está a anos luz de atender á xente que figura no rexistro. Queremos que se fagan os números para xente, non para os especuladores”, sinalou Sánchez. 

Así, o Grupo Común da Esquerda propón elaborar un plan de obtención de vivenda de protección a través da rehabilitación, a mobilización de vivenda baleira ou a construción de vivenda nova para facilitar o acceso dos demandantes. Para isto, reclama comezar nos orzamentos do 2020 a través dun aumento para recuperar cando menos o nivel do 2009, preto do 0,5% do PIB, “aínda que a medio prazo aspiramos a un investimento do 1%, achegándonos aos países europeos”, apuntou Antón Sánchez. Ademais, o Grupo porá enriba da mesa a necesidade dun plan para aumentar o parque público de vivenda da Xunta para aluguer social e a creación dun imposto autonómico de vivenda baleira para os grandes posuídores. “Os que non cumpran a función social desas vivendas porque especulan con elas deben pagar ese imposto, para que xunto con maiores incentivos para mobilizalas, queden a disposición da xente que as precisa. Os instrumentos do PP ata agora non foron eficaces porque non quixeron que o sexan. Se a un banco ou fondo voitre lle custa o mesmo ter a vivenda baleira que ocupada, iso non motiva para sacala ao mercado de aluguer”, engadiu.

As políticas máis antisociais do Estado

Antón Sánchez cargou con dureza contra as políticas desenvolvidas pola Xunta por ser “as máis antisociais do Estado. O presidente prefire que lle cadren as contas aos bancos e aos fondos voitre que ás familias galegas. Aplicou o seu libreto neoliberal ás ordes dos especuladores para facer o que eles precisan”. Deste xeito referiuse á drástica redución do orzamento na década de Feijóo, que en 2009 era do 0,46% do PIB e agora é do 0,13%. Ademais, afeou o “parón deliberado na construción e calificación de vivendas de protección autonómica. En 2010 iniciáronse 1.900; no 2015, 5; no 2016, 4; no 2017, 12; e no 2018, 8. É a comunidade autónoma con peores datos do Estado”. 

Sánchez tamén tildou de “fracaso absoluto” o programa de mobilización de vivendas baleiras porque non se empregan suficientes instrumentos, adxudicando 2 axudas en 2018, mentres que no rexistro da Xunta hai case 14 mil demandantes. “A desproporción é absoluta. Non interesa un parque público regulado para non reducir os beneficios dos especuladores, aínda que supoña un drama para a xente”, lamentou o voceiro.

Esta batería de medidas chega tras coñecerse os datos sobre desafiuzamentos do Consello Xeral do Poder Xudicial, que indican que en Galicia no segundo trimestre de 2019 houbo 657, 501 deles por impago de aluguer. Os lanzamentos medran con respecto ao ano anterior cando no Estado baixaron levemente. “Seguen sendo cifras intolerables porque sempre pasan de 2.500 ao ano, máis de 6 ao día”, destacou Antón Sánchez.

Comentarios
Lo más