O Santiago Futsal quere gañar en Móstoles
A expedición, que sairá á primeira hora do sábado, quere seguir na liña ascendente actual, tanto en xogo como en puntos
Despois do seu primeiro punto da temporada, conseguido o sábado pasado en Santa Isabel contra o Manzanares FS, o Santiago Futsal tentará seguir sumando. Para iso esta fin de semana desprazarase a Móstoles.
A expedición, que sairá á primeira hora do sábado, quere seguir na liña ascendente actual, tanto en xogo como en puntos, e loitará por conseguir a vitoria no campo dun recentemente ascendido que xa leva cinco puntos no que vai de liga.
O Ciudad de Móstoles FS vén de perder o seu primeiro partido contra o Irefrank Elxe por 6-3 e buscará sumar a súa primeira vitoria como local tras os seus dous empates nos dous partidos que leva como anfitrión.
No outro lado, os galegos contan con todos os seus efectivos salvo Jesús Gambín, e queren asinar o primeiros tres puntos da tempada nunha cancha complicada ante rivais que contan con experiencia e bo xogo no seu haber.
“É un equipo que sendo recentemente ascendido ten cinco puntos e iso é por algo. Teñen moita confianza e calidade no seu xogo. Están a disputar os partidos a un nivel moi alto, pero creo que nós tamén e vai ser un partido moi bonito. Imos coa intención de levarnos os tres puntos” afirmou o adestrador compostelán David Rial na análise da xornada aos medios de prensa.
O equipo, que viaxará en autobús, poñerá rumbo a Santiago tras finalizar o encontro. O domingo será día de descanso para o grupo, volvendo o luns a Santa Isabel para comezar a preparar a visita do Aljucer Pozo de Murcia, partido que se disputará o vindeiro venres 18 ás 21:00