jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

A prestixiosa Accademia del Piacere clausura o festival Ateneo Barroco

A prestixiosa Accademia del Piacere clausura o festival Ateneo Barroco
A prestixiosa Accademia del Piacere clausura o festival Ateneo Barroco

Accademia del Piacere atesoura prestixiosos galardóns e recoñecementos pola súa rica discografía, foi recoñecido nos premios GEMA 2016 como o mellor grupo barroco español

Manifesta o director de Accademia del Piacere, o sevillano Fahmi Alqhai, que o primeiro obxectivo deste programa e desta colección de pezas españolas reunidas baixo o título de Rediscovering Spain: Fantasías, Diferencias e Glosas non é a mera interpretación que se fai regularmente delas hoxe en día, moi diluídas nas formas e faltas, cada vez máis, de contido e de autenticidade. 

O conxunto Accademia del Piacere vai moito máis alá e pretende recuperar en todos os niveis a práctica habitual dos músicos-instrumentistas dos séculos XVI e XVII nos que a improvisación resultaba esencial: calquera música é unha escusa para desenvolver todas as posibilidades de comentario, paráfrase e glosa do material orixinal composto por outros músicos, material en moitos casos creado soamente con este obxectivo. O programa de Accademia del Piacere para esta clausura da primeira edición do Festival Ateneo Barroco no Teatro Principal de Santiago (sábado 12 outubro, 20h) inclúe danzas e outras pezas de algúns dos nomes máis destacados do barroco hispano, como Antonio de Cabezón, Diego Ortiz, Santiago de Murcia e Gaspar Sanz.

Accademia del Piacere caracterízase pola valentía dos seus innovadores proxectos e a forte personalidade artística do seu director, Fahmi Alqhai, que converteron a este conxunto sevillano, formado por músicos de diferentes procedencias, no grupo de vangarda da música antiga española e nunha referencia en Europa grazas á súa concepción da música histórica. 

Accademia del Piacere atesoura prestixiosos galardóns e recoñecementos pola súa rica discografía, foi recoñecido nos premios GEMA 2016 como o mellor grupo barroco español e ten actuado en destacados escenarios de Alemaña, Portugal, Holanda, Francia, Bélxica, Suíza, México, Colombia, Estados Unidos, Xapón, etc. O director de Accademia del Piacere, o sevillano de pai sirio e nai palestina Fahmi Alqhai, é considerado un dos máis importantes intérpretes de viola da gamba do mundo e un dos maiores renovadores da interpretación da música antiga e dende 2009 é director artístico do FeMÀS, Festival de Música Antigua de Sevilla.

Fahmi Alqhai e o seu irmán Rami Alqhai, tamén destacado solista de viola da gamba, protagonizarán o último dos breves encontros cos artistas, de vocación divulgativa, organizados polo Festival Ateneo Barroco no espazo de celebración de cada concerto, e con anterioridade ao mesmo (18.30h). Os irmáns Alqhai estarán dispostos a satisfacer dúbidas e curiosidades e a ilustrar e amosar as peculiaridades do seu singular instrumento, durante moito tempo esquecido, a viola da gamba. Esta actividade é gratuíta con acceso limitado por rigorosa orde de chegada a 25 persoas.

A primeira edición do festival Ateneo Barroco, organizada polo Ateneo de Santiago, conta co patrocinio do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago e a colaboración da Universidade de Santiago.

Comentarios
Lo más