Arden por completo unha casa e un taller anexo na Estrada
Os feitos ocorreron no lugar de Porto, na parroquia de Berres ao fío das 19:25 horas
Un incendio declarado a pasada tarde provocou que ardesen por completo unha casa e un taller anexo á vivenda no termo municipal da Estrada, sen que se rexistrasen danos persoais.
Os feitos ocorreron no lugar de Porto, na parroquia de Berres ao fío das 19:25 horas.
Varias persoas particulares contactaban co 112 Galicia nese momento para alertar do incendio. Acto seguido, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros do Deza, do GES da Estrada, da Garda Civil e do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade.
Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, os servizos de emerxencia finalizaron as labores de extinción do lume ao fío das 2:15 horas.