Unha viaxe musical pola Europa Barroca coa mezzosoprano Marta Infante e o arpista Manuel Vilas
A primeira edición do festival Ateneo Barroco conta co patrocinio do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago e a colaboración da Universidade de Santiago.
No terceiro concerto do festival que se celebrará na Igrexa da Universidade de Santiago (xoves 10 outubro, 20h), a mezzosoprano ilerdense Marta Infante e o arpista compostelán Manuel Vilas propoñen unha viaxe pola Europa Barroca, ou o que é o mesmo pola música do occidente europeo dos séculos XVII e XVIII. Francia, Inglaterra, Alemaña e Italia son as nacións máis representadas a través de autores tan coñecidos como Haendel, Purcell, Vivaldi e Telemann, e figuras máis por descubrir como Sances, Strozzi ou Fischer.
Poderemos atopar algunhas das cancións e composicións vocais máis fermosas da época neste programa seleccionado por estes dous reputados especialistas e estudosos da música antiga como son Marta Infante e Manuel Vilas, experimentados e sensibles músicos cunha ampla e rica discografía e que actúan por todo o mundo nos máis prestixiosos festivais, teatros e auditorios de Europa e América colaborando cos máis destacados directores, agrupacións e orquestras.
As entradas para o concerto poden adquirirse en entradas.ataquilla.com, na sede de Afundación na rúa do Vilar e, 2 horas antes do concerto, na mesma Igrexa da Universidade.
Como cada día, no espazo de celebración de cada concerto, e con anterioridade ao mesmo (18.30h), celebraranse uns breves encontros cos artistas, dispostos a ilustrar e amosar as peculiaridades dos seus instrumentos e a satisfacer as dúbidas e curiosidades do público.
Neste caso, nesta charla-encontro o público poderá descubrir con Manuel Vilas variados e enriquecedores aspectos das características técnicas e musicais dun instrumento tan fascinante como son as arpas antigas e barrocas. Esta actividade é gratuíta con acceso limitado por rigorosa orde de chegada a 25 persoas.