Os populares denuncian que aínda non se coñece nada do proxecto básico da estación intermodal
Os Populares lembran que, a principios do pasado mes de setembro, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, anuncioulle ao alcalde de Santiago que este documento estaría redactado e sairía a información pública durante ese mesmo mes
O Grupo Municipal Popular denunciou que, a estas alturas do ano, segue sen coñecerse o proxecto básico para estación Intermodal de Santiago de Compostela.
Os Populares lembran que, nunha reunión que se celebrou a principios do pasado mes de setembro entre o alcalde, José Sánchez Bugallo, e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, o responsable socialista anunciáralle ao edil santiagués que este documento estaría redactado e sairía a información pública durante ese mesmo mes.
Con este novo incumprimento por parte do Executivo central, o Grupo Municipal Popular considera que resulta difícil de crer que o proxecto construtivo desta infraestrutura estea listo para finais de ano, compromiso que tamén adquiriu o señor Losada coa veciñanza santiaguesa nesa mesma reunión.
Cando estamos rematando a primeira quincena do mes de outubro, nada se sabe de todos os acordos anunciados polo representante do Goberno central. Cabe sinalar que Losada, xunto co alcalde santiagués, tamén se comprometera a buscar unha solución para eliminar a cláusula, asinada polo anterior Goberno municipal de Compostela Aberta, dos 3,5 millóns de viaxeiros que serían necesarios para iniciar a segunda fase da estación.
Os Populares composteláns xa levan moito tempo denunciando esta situación, a última ocasión foi o pasado mes de xullo, cando se lle requiriu a Sánchez Bugallo a que acadase o compromiso da presidenta do ADIF, Isabel Pardo de Vera, para que se leve a cabo a presentación inmediata e pública do proxecto global e final da estación Intermodal, un documento técnico que, segundo reiterou numerosas veces o anterior rexedor, Martiño Noriega, xa estaba feito, pero a realidade é que se segue sen saber nada.