Unha sentenza do TSXG confirma que o concurso para a xestión da Escola Municipal de Música foi un "despropósito"
A CIG-Ensino lamenta as derivas xudiciais que se desprenderon da decisión do antigo equipo de goberno do Concello de Santiago e agarda a que despois da sentenza que queda pendente se resolva a situación de forma favorábel ao persoal
Tras coñecerse o contido do fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que confirma a sentenza anterior dun Xulgado de Compostela na que se anulaba a exclusión de Esproade na primeira fase do proceso de adxudicación do servizo da Escola Municipal de Música, o secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén F. Monteagudo, afirma que “se confirma o despropósito de todo o proceso, desde a redacción dos pregos até a adxudicación, por parte do goberno anterior de Compostela Aberta, como advertimos desde o comezo”. Así mesmo destacou que aos traballadores e traballadoras non lles colleu por sorpresa este auto xudicial pero que “están cansos do espectáculo no que se converteu a adxudicación do servizo da Escola de Música e queren centrarse exclusivamente no que é da súa competencia profesional e en atender ao alumnado”.
Mais, como sabemos, aínda está pendente outra sentenza sobre a declaración de lesividade dos pregos de contratación por parte do Concello de Santiago que será a que determine como queda finalmente o proceso de adxudicación do servizo. De calquera maneira, Rubén F. Monteagudo aproveita este novo episodio no conflito laboral da Escola de Música para apelar ao actual goberno municipal do PSOE a que busque unha solución que garanta a estabilidade dos postos de traballo. “Rematou o tempo de poñerse de lado sobre este asunto. Sabemos que unha vez remate o proceso xudicial poden abrirse varias vías que nós xa estamos analizando para que pola que se opte teña as máximas garantías xurídicas posíbeis e que teña o seu foco na defensa da estabilidade do persoal”. Neste sentido, o secretario comarcal da CIG-Ensino avanza que se está a estudar unha sentenza doutro tribunal doutra Escola de Música do Estado.
Nestes momentos os 21 traballadores e traballadoras da Escola Municipal de Música seguen traballando coas mesmas condicións laborais para a empresa Trobeiro á que se lle prorrogou o contrato ao anularse a concesión a Esproade despois do esperpéntico proceso de adxudicación que se deu o ano pasado.