miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Aumentan un 90% os desafiuzamentos en Galicia

Aumentan un 90% os desafiuzamentos en Galicia
Aumentan un 90% os desafiuzamentos en Galicia

Os xulgados galegos rexistraron entre abril e xuño deste ano 32 demandas por ocupación ilegal de vivendas, das que resolveron 22

Os xulgados galegos practicaron no segundo trimestre do ano 657 lanzamentos, dos que 501, o 76,2 %, foron consecuencia de procedementos derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos (LAU), é dicir, pola falta de pagamentos de alugueiro. Outro 140 corresponderon a execucións hipotecarias e os 16 restantes derivaron doutras causas. En comparación co mesmo período do ano pasado, o número de lanzamentos na comunidade experimentou un aumento do 89,9 por cento, ao pasar de 346 a 657. 

Esa porcentaxe de incremento, con todo, hai que analizala tendo en conta a folga de funcionarios que entre febreiro e maio de 2018 afectou ao normal funcionamento da Administración de Xustiza en Galicia e que provocou que moitas destas dilixencias non se levasen a cabo. No conxunto do Estado, os lanzamentos descenderon un 14 por cento, segundo se desprende do informe ‘Efectos da crise económica nos órganos xudiciais’, feito público hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

O número de execucións hipotecarias iniciadas en Galicia no segundo trimestre do ano descendeu un 56 % con respecto a 2018. Entre abril e xuño de 2019 presentáronse 172 procedementos que lle permiten esixir o pago das débedas garantidas por peza ou hipoteca ao acredor, fronte ás 391 do ano anterior. No conxunto do Estado presentáronse 3.857, o que supón un descenso interanual do 46 %.

O estudo tamén reflicte que entre o 1 de abril e o 30 de xuño deste ano os xulgados galegos ingresaron 32 demandas, das que resolveron 22, por ocupación ilegal de vivendas en casos en que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social.

O informe presentado hoxe tamén inclúe datos dos concursos presentados nos xulgados do mercantil, que continúan descendendo. Dos 74 rexistrados no segundo trimestre de 2018, pasouse a 68 este ano, o que supón unha baixada do 8,1 por cento. Con respecto aos concursos das persoas naturais non empresarias, que desde a modificación da Lei Orgánica do Poder Xudicial que entrou en vigor o 1 de outubro de 2015 corresponden aos xulgados de primeira instancia e instrución, presentáronse en Galicia de abril a xuño 46 casos, fronte aos 28 do mesmo período do ano pasado (un 64,3 % máis).  

En canto aos expedientes do artigo 64 da Lei Concursal, relativos á modificación substancial das condicións de traballo de carácter colectivo (ERE’ s), na comunidade galega contabilizáronse no segundo trimestre do ano seis, un 14,3 % menos que en 2018, cando se rexistraron sete.

Nos xulgados do social, segundo o informe da Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, interpuxéronse 1.350 demandas por despedimento, o que supón un descenso interanual do 4 por cento, pois o ano pasado rexistráronse 1.406.

O estudo, ademais, reflicte un incremento dos procedementos  monitorios presentados no segundo trimestre do ano nos xulgados de primeira instancia e de primeira instancia e instrución. En Galicia interpuxéronse 10.131, fronte aos 9.497 do ano pasado, o que supón unha subida interanual do 6,7 %.

Hai que ter en conta que as conclusións destes datos estatísticos han de ser interpretadas tendo en conta a folga de funcionarios levada a cabo desde o 7 de febreiro ata principios de maio de 2018.

Comentarios
Lo más