Marián Bañobre e Isabel Risco porán en escena a obra “O furancho” en Brión
A actuación terá lugar no centro social e polivalente de Brión este sábado ás 20:30 horas
O centro social polivalente de Brión acollerá este sábado 5 de outubro, ás 20:30 horas, a posta en escena de “O furancho”, unha comedia da compañía Ibuprofeno Teatro, dirixida por Santiago Cortegoso e protagonizada polas actrices Marián Bañobre e Isabel Risco. Dirixida a maiores de 13 anos, a entrada é libre e de balde.
Durante oitenta minutos, os veciños e veciñas de Brión poderán desfrutar dunha hilarante comedia baseada nun furancho que ofrece tratamentos de beleza e saúde baseados na vinoterapia. Unha produción que recibiu o Premio María Casares 2016 ao mellor vestiario (e finalista na categoría de mellor autor) e dous Premios Fetega (a mellor espectáculo e mellor actriz).
Esta actuación está incluída no “Outono Cultural 2019”, un programa cultural organizado polo Concello de Brión e que conta co apoio da Rede Cultural da Deputación da Coruña, da Rede de Dinamización Lingüística e do programa Ler conta moito, da Xunta de Galicia.