A Carreira Pedestre de Ames celebrarase o día 20 de outubro
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, o responsable da empresa Emesports, Ezequiel Mosquera, e o director técnico da delegación en Santiago da Federación Galega de Atletismo, Jesús Silva, presentaron a vixésima edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames, que está encadrada dentro do VII circuíto provincial de carreiras populares da Deputación da Coruña
O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan o domingo, 20 de outubro a vixésima edición da carreira pedestre do Concello de Ames. Este evento deportivo desenvolverase a partir das 10:30 horas. Contarase cun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o mércores 16 de outubro, ás 23.59. Na actualidade xa hai 157 persoas inscritas.
A saída e chegada de cada proba farase na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns, tal como se veu realizando nas dúas últimas edicións, unha vez que se decidiu trasladar a proba desde o entorno do Pazo da Peregrina ao centro do núcleo urbano para así facer mais partícipe á veciñanza.
O circuíto da proba absoluta estará debidamente sinalizado e contará con indicacións en cada quilómetro, ademais de estar homologado na distancia de 10 km pola Real Federación Española de Atletismo, obxectivo acadado hai tres anos coa coincidencia da proba do Campionato Galego de 10km. Para a organización deste evento cóntase coa colaboración dos clubs de atletismo do concello (Millaraio, Sar e Ames atletismo) e ademais colaborará o club ciclista Os Esfola Arrós e maila Agrupación de Protección Civil de Ames.
Na carreira popular poden participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. As inscricións pódense facer ata á media noite do día 16 de outubro, a través da páxina web de Emesports: https://eventos.emesports.es/inscripcion/xx-carreira-pedestre-popular-concello-de-ames/inscripcion_datos/. Tamén se poden realizar de xeito presencial na tenda deportiva, Deportes Amesport, situada na avenida da Maía, número 83, en Bertamiráns. Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin se admitirán inscricións o día da carreira.
As persoas que desexen participar na proba absoluta (de sub 18 a veterano) terán que aboar unha cota de 6 euros. O pagamento da inscrición poderá realizarse pola pasarela da propia páxina web de Emesports. A inscrición para as categorías escolares (de pitufo a sub 18) é gratuíta.
Os dorsais retiraranse na secretaría da organización, situada na Casa do Concello, o día anterior á carreira (sábado, 19 de outubro) en horario das 17:00 ás 20:00 horas ou o mesmo día da carreira, ata media hora antes da proba correspondente