Despois de catro días de andaina, chegan ao Obradoiro as persoas usuarias e traballadoras de Medelo
A Comisaria do Xacobeo 2021, representantes da xunta directiva de COGAMI e persoas usuarias do centro de Medelo que non participaron no Camiño, recibiron cun corredor con paraugas ás compañeiras e compañeiros
Despois de catro días de andaina e de percorrer preto de 45km, chega á Praza do Obradoiro o grupo de 19 persoas usuarias e traballadoras do centro de recursos que COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) ten en Medelo. Rematan aquí unha experiencia sen imprevistos: o tempo acompañounos, a ruta fíxose doada, non houbo bochas nos pés e, tras rematar as etapas, facíano con folgos para reforzar vínculos de amizade entre compañeiras e compañeiros con saídas polas vilas.
Á súa chegada ao Obradoiro, o grupo foi recibido entre aplausos e parabéns pola Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira Marimón, a quen acompañaron membros da xunta directiva de COGAMI e persoas usuarias do centro de Medelo que non participaron na peregrinación polo Camiño Portugués. Para realizar o recibimento, formaron un corredor con paraugas abertos e colocados no lateral cos que lles daban a benvida e a noraboa por superar todas as etapas con éxito.
Esta actividade forma parte dun proxecto presentado á Consellería de Cultura e Turismo no marco de dinamización do Xacobeo 2021, dentro do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. Baixo o lema `Rodando o Camiño´, esta experiencia foi gravada en vídeo para posteriormente editar un documental no que os principais protagonistas desta aventura, as persoas usuarias do centro de recursos de Medelo, contan a súa vivencia en primeira persoa.
Á chegada ao Obradoiro, todas as persoas participantes coincidiron en expresar que tiveron un bo Camiño, que era bastante cómodo para camiñar, incluso indo en cadeira de rodas, e que o tempo os acompañou sen chuvias nin temperaturas frías, chegando incluso a ter que botar man da crema de protección solar.
Durante as etapas, todas realizadas segundo o horario programado nun principio, facían paradas para visitar igrexas, monumentos ou museos dos concellos polos que pasaron e para escoitar datos explicativos da súa historia.
Dende o centro de Medelo queren agradecer ao servizo de Protección Civil dos concellos polos que pasaron: Caldas, Valga, Pontecesures, Padrón, Teo, Ames e Santiago pola súa atención e colaboración e tamén á Fundación Rosalía polo trato recibido.
O grupo saíu dende Caldas de Reis o martes, 1 de outubro, con dirección a San Miguel de Valga, co que tiveron que superar 13,5km, sendo esta a etapa máis longa. A seguinte etapa foi de 12,4 km en dirección a Padrón, para continuar o día seguinte dende a Escravitude con dirección a Milladoiro, un percorrido de 11,3 km que rematou no Obradoiro tras superar os 7,6 km que lle restaban do punto de saída de Milladoiro.