miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A maxia contra a violencia de xénero de Ian & Elisa abre o Outono Cultural de Brión

A maxia contra a violencia de xénero de Ian & Elisa abre o Outono Cultural de Brión
A maxia contra a violencia de xénero de Ian & Elisa abre o Outono Cultural de Brión


O espectáculo “Somos iguais na maxia”, de Ian & Elisa, abrirá mañá venres 4 de outubro unha nova edición do Outono Cultural de Brión, un programa que recolle un total de dezaseis actividades culturais e de entrada libre e de balde dirixidas a un público familiar en Brión. O teatro volverá ser o gran protagonista, con ata seis actuacións profesionais no centro social polivalente, seguido polos contacontos e a maxia, con dous espectáculos cada un na sala municipal de exposicións.



Así mesmo, no programa non faltarán un evento tradicional como o magosto, que terá lugar na carballeira de Santa Minia o 29 de novembro; e outro moi especial que camiña cara a súa continuidade: o Festival Brión Inclúe, unha programación cultural pensada e estudada para a inclusión transversal que volverá encher Brión de cultura do 22 ao 24 de novembro.

O “Outono Cultural 2019” arrincará mañá venres 4 de outubro con “Somos iguais na maxia”, un peculiar espectáculo no que a maxia de Ian & Elisa é utilizada para transmitirlle ao público os valores da igualdade de xénero e a violencia machista, polo que é recomendable para un público familiar. A actuación terá lugar ás 18:00 horas na sala municipal de exposicións.

Outubro

Un día despois, o sábado 5 de outubro chegará a primeira actuación de teatro profesional que, como todas as programadas, terán lugar no centro social polivalente, ás 20:30 horas, e están dirixidas a un público maior de 13 anos. Trátase de “O furancho”, unha produción de Ibuprofeno Teatro que recibiu o Premio María Casares 2016 ao mellor vestiario e os Premios Fetega a mellor espectáculo e mellor actriz.

O xoves 10 de outubro, ás 18:00 horas, Soledad Felloza ofrecerá o seu contacontos “Bolboretas” na sala municipal de exposicións. Un día despois, á mesma hora e no mesmo lugar, o mago Javier Muro ofrecerá o seu espectáculo “O neno que quería ser mago”. O sábado 19 de outubro, ás 20:30 horas, o polivalente acollerá o “Laboratorio de Estremonías”, da actriz Mónica Camaño.

Pecharán o mes de outubro dúas actuacións para o público infantil, ambas ás 18:00 horas na sala municipal de exposicións. O xoves 24, Xarope Tulú ofrecerá o contacontos “Estrafalaria”; mentres que o venres 25, Trémola Teatro porá en escena unha obra de teatro infantil: “1, 2, 3! A que non o ves?”.

Novembro e decembro

Para o mes de novembro quedan tres actuacións de teatro profesional: os sábados 9, 16 e 30 de novembro, con Deste Xeito Producións (“Loló e Mamá”), Volta e Dalle Teatro (“Falar por falar”) e Teatro dos Ghazafelhos (“Irina bailarina”). Do 22 ao 24 de novembro terá lugar o mencionado Festival Brión Inclúe, cuxa programación será presentada en breve; e o venres 29 terá lugar o xa tradicional magosto na Carballeira de Santa Minia, con castañas e chocolate con churros de balde para todas as persoas que asistan.

Para decembro quedan dous sorprendente espectáculos musicais. O sábado 14 de decembro, a soprano noiesa Esperanza Mara presentará o espectáculo “Tecendo soños: cantos de arrolar”, unha iniciativa de recuperación dos cantos de arrolar nas comarcas de Santiago e do Barbanza coa que colabora o Concello de Brión. Será ás 18:00 horas no centro social polivalente.

Finalmente, o sábado 21 de decembro, ás 18:00 horas, Malasombra Produccións porá en escena o seu aplaudido espectáculo “Os fabulosos Cleaners”, unha divertida actuación con pompas de xabón dirixido a un público familiar.

O “Outono Cultural 2019” é un programa cultural organizado polo Concello de Brión, que conta co apoio da Rede Cultural da Deputación da Coruña, da Rede de Dinamización Lingüística e do programa Ler conta moito, da Xunta de Galicia.


Comentarios
Lo más