Galicia rexistra 61 accidentes de circulación este venres
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia contabilizou 61 accidentes de circulación ata ás 18:00 horas do venres
A maior parte finalizaron sen danos persoais, pero houbo que lamentar outros 27, nos que foi necesario a intervención dos servizos sanitarios de urxencia, entre os que temos que contar o atropelo mortal localizado no concello lugués da Pontenova.
Do total de accidentes con feridos, nun deles foi necesaria a intervención dos equipos de rescate, como foi o caso dun sinistro rexistrado ás 13:30 horas que mobilizou aos servizos de emerxencia para liberar a unha persoa que quedou atrapada tras sufrir unha saída de vía e caer por un desnivel.
O operativo activouse, a esa hora, cando o GES de Becerreá alertaba ao 112 Galicia do sinistro dun accidente na LU-636, no punto quilométrico 28, ao seu paso polo concello lugués de Becerreá. Axiña, os xestores de emerxencias informaban aos Bombeiros de Sarria e aos profesionais do servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, unha vez o ferido foi liberado, encargáronse do traslado da persoa ata o centro hospitalario de referencia.
Así mesmo, para manter as condicións de seguridade da vía mentres se realizaban os traballos de auxilio, solicitouse a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico.
En canto ao reparto por provincias, cómpre sinalar que destaca da Coruña cun total de 27, dos cales 15 foron sen feridos. A continuación, Pontevedra, que rexistrou 22, 11 nos que houbo que lamentar danos materiais, Lugo con 7 sinistros rexistrados e Ourense con 5 accidentes.