Medio Ambiente estudará colaborar con Noia na recuperación da marxe fluvial do Río Traba
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo unha reunión con José Santiago Freire Abeijón, quen lle presentou esta iniciativa de recuperación do patrimonio natural
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, adiantou ao alcalde de Noia, José Santiago Freire Abeijón, que o seu departamento analizará a posibilidade de colaborar no proxecto de recuperación da marxe fluvial do río Traba, ao seu paso por este municipio.
A conselleira de Medio Ambiente recibiu en Santiago ao rexedor municipal, quen lle presentou unha iniciativa de recuperación dun treito de 1.500 metros que vai dende o río Traba ata o núcleo de Xei.
As obras consisten na creación dunha senda peonil, que porá en valor unha zona a medio camiño entre O Couto (Noia) e Portobravo (Lousame), onde existe un núcleo urbano deshabitado con valor etnográfico. Trátase da aldea de Xei, que é un exemplo dunha paisaxe de ribeira con arborado variado, na que é preciso levar a cabo unha actuación de recuperación e de protección da fauna e da flora.
Vázquez Mejuto destacou que dará traslado aos departamentos da Consellería que dirixe para analizar o proxecto e analizar a posibilidade de colaboración con esta actuación dentro dos orzamentos da Consellería de Medio Ambiente.