Os 300 participantes no XI Tríatlon Ponte Nafonso “Memorial Míchel” 2019 doan un desfibrilador automático á Cruz Vermella Noia
A proba terá lugar na tarde do sábado 28 de setembro en Pontenafonso
A Cruz Vermella de Noia vén de recibir un desfibrilador externo automático comprado grazas ás achegas realizadas polos participantes no XI Tríatlon Ponte Nafonso “Memorial Míchel”, que reunirá a 300 competidores na tarde deste sábado 28 de setembro en Pontenafonso. “Decidimos dedicar ao Proxecto Salvavidas Desfibriladores e Cardioprotección a parte do custe da inscrición que dedicabamos ao agasallo ao participante”, explica Pablo Dosil Rosende, da asociación deportiva O Peirán, “e, en vez de comprar unha camiseta, mercamos un desfibrilador automático que doamos á Cruz Vermella Noia para que o use nos eventos deportivos e culturais que cubre en Noia e Outres”.
Unha achega que foi recollida por Antón Rechou, voluntario de Cruz Vermella Noia, quen agradeceu a doazón, se ben puntualizou que “non é un agasallo á Cruz Vermella, é un agasallo a todo o deporte da zona. Esta contribución vai velar pola seguridade de todas as probas deportivas que se celebren na comarca”.
A entrega do desfibrilador tivo lugar durante o acto de presentación do XI Tríatlon Ponte Nafonso “Memorial Míchel” 2019, organizado pola asociación deportiva O Peirán e que conta coa colaboración dos Concellos de Noia e Outes, así como de Protección Civil Noia e Cruz Vermella Noia. Un evento deportivo que terá lugar este sábado 28 de setembro, a partir das 17:00 horas, e no que participarán 300 deportistas de toda Galicia. “As insercións se abren un mes antes, pero cúbrense en apenas 2 horas”, explicou Pablo Dosil.