Científicos de Santiago e Houston crean novos sensores para a detección temperá de Parkinson e Alzheimer
Un equipo de investigadores do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela (CiQUS) en colaboración coa Universidade de Rice (Houston, Texas, EEUU) vén de crear novos sensores metálicos fluorescentes para a detección temperá das primeiras agregacións de proteínas vinculadas ás enfermidades de Alzheimer (beta-amiloide) e Parkinson (alfa-sinucleína
Un equipo de investigadores do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela (CiQUS) en colaboración coa Universidade de Rice (Houston, Texas, EEUU) vén de crear novos sensores metálicos fluorescentes para a detección temperá das primeiras agregacións de proteínas vinculadas ás enfermidades de Alzheimer (beta-amiloide) e Parkinson (alfa-sinucleína).
Os novos compostos de renio e rutenio adhírense aos precursores da enfermidade (os oligómeros amiloides) e, dende aí, amplifican a nivel supramolecular un sinal determinante coñecido como anisotropía de fluorescencia. Este fenómeno físico, que se produce cando a luz emitida varía en intensidade dependendo de cal sexa o seu eixo de polarización, permite detectar pequenos agregados de amiloides moito antes de que se acumulen, evitando así un diagnóstico tardío en fases avanzadas da enfermidade. O artigo é froito dunha colaboración internacional dirixida polo profesor Ángel Martí na Universidade de Rice en Houston, no que participan por parte da USC os doutores Ghibom Bhak e Javier Montenegro. O traballo acaba de ser publicado na prestixiosa revista Journal of the American Chemical Society (JACS).
Para Javier Montenegro, líder do grupo do CiQUS que validou os novos compostos sobre a proteína relacionada co Párkinson (a α-sinucleína), o valor deste traballo é dobre “non só presenta novos compostos organometálicos para a detección temperá dos agregados de amiloides, senón que propón tamén unha nova aproximación conceptual para a detección do problema”, afirma.
A nova estratexia sérvese dunha propiedade dos agregados que non fora explorada ata hoxe, alentando así o potencial desenvolvemento de novos sensores e métodos entre a comunidade científica. Como apunta Javier Montenegro, “abordar este problema mediante a anisotropía de fluorescencia supón apostar por unha nova aproximación para o diagnóstico temperán, porque nos permite detectar moito antes a formación dunha anomalía que podería estar relacionada con condicións patolóxicas moi importantes”.