miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Todo listo en Brión para 4 días de Romaría de Santa Minia

Todo listo en Brión para 4 días de Romaría de Santa Minia
Todo listo en Brión para 4 días de Romaría de Santa Minia

Habilitaranse seis zonas de estacionamento gratuíto e novas atraccións para a rapazada, emprazadas nunha parcela detrás das polbeiras

Todo listo en Brión para que dende hoxe xoves se vivan catro días da  súa festa máis senlleira: a Romaría de Santa Minia. Catro días de actividades, concentradas principalmente na tarde/noite de hoxe (Día de Vésperas) e o venres 27 (Día de Santa Minia). 

O disposto para velar pola seguridade e comodidade dos visitantes estará integrado por unha vintena de efectivos, entre membros de Protección Civil, Policía Local e Garda Civil, que se encargarán de atender aos milleiros de romeiros que acudan á festa.

O Concello mantén as zonas tradicionais de aparcamento, totalmente gratuítas e que estarán sinalizadas. Os autobuses farán transbordo diante do Centro Social Polivalente, mentres que os condutores particulares serán guiados por efectivos de Protección Civil ata o aparcamento con prazas baleiras máis próximo á Carballeira de Santa Minia, epicentro dos festexos.

O concelleiro de Festas, José Luís Sampedro, explicaba que “este ano temos preparado un programa cultural moi interesante para os catro días, polo que agardamos a visita de milleiros de romeiros non só para desfrutar dos fogos de artificio de mañá ou das misas e o polbo do Día de Santa Minia, senón tamén para o concerto de Treixadura ou o Festival de Bandas, por exemplo”. Iso si, Sampedro insiste en pedirlle a todos os romeiros “que sigan en todo momento as instrucións dos membros de seguridade e que lembren que non hai que pagar
nada polo uso dos aparcamentos, son totalmente de balde”.

Programa das festas

O programa de actividades para o xoves 26, Día de Vésperas, abrirase ás 13:00 horas coa música da charanga Tíralle do Aire. Ás 17:30 horas, Sue Moreno porá en escena “4.0”, un espectáculo que mestura técnicas aéreas de circo con cancións e teatro físico. Xa pola noite, ás 20:00 horas, a música será a protagonista coa actuación do grupo de música tradicional Xoldra, de Rois; e unha nova sesión da charanga Tíralle do Aire. A partir das 22:30 horas, verbena coas orquestras “Olympus” e “Os Satélites”, que farán un descanso ás 0:00 horas para a tradicional sesión de fogos de artificio e queima da fachada da Capela de Santa Minia, tras o que continuarán coa verbena ata a madrugada.

O venres 27, Día de Santa Minia, abrirase coa música da charanga Os Jalácticos, que volverá actuar ás 20:00 horas. Ao mediodía actuará o grupo de gaitas “Os Viqueiras” de Ordes, que darán paso á sesión vermú coa orquestra “Ibiza”, que tamén amenizará a verbena das 22:30 horas canda a orquestra “Marbella”.

Ás 17:30 horas, o mago Dani García volverá actuar na carballeira co seu espectáculo “Código”, unha hora de maxia inventiva e persoal que buscará a participación activa do público asistente. E ás 18:30 horas será a quenda da murga tradicional Os Campantes da Baña.

O sábado 28 terá lugar outro dos pratos fortes desta edición: o concerto de Treixadura e Xosé Lois Romero & Aliboria, ás 22:30 horas na carballeira de Santa Minia. Despois do gran éxito de público acadado o ano pasado por Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, Brión volve apostar pola música tradicional galega como un dos sinais de identidade destas festas de Santa Minia.

Previamente, a programación cultural preparada polo Concello de Brión inclúe a sesión vermú coa Charanga Os Celtas, que volverán actuar ás 20:00 horas, e a actuación de Patty Diphusa con “SuperHarte”, un espectáculo de circo e clown (17:30 horas). Ás 19:00 horas terá lugar unha das citas clásicas da Santa Minia: a actuación das Escolas de Danza e Música Tradicional do Concello de Brión.

Finalmente, o domingo 29 será unha xornada con moita maxia, co espectáculo “A volta a Galicia en 313 concellos” do Mago Antón, un divertido espectáculo de xogos de maxia para adultos e crianzas que poderá verse ás 12:00 e ás 13:00 horas, así como a cada hora entre as 17:00 e as 20:00 horas. Ás 13:00 horas, a música correrá a cargo do grupo de gaitas Os Telludos, mentres que ás 19:00 horas terá lugar o tradicional Festival de Bandas de Música Populares. Actuarán a Banda de Música Municipal de Brión e a Banda de Música Isabel II de Touro.

Comentarios
Lo más