Condenado a tres anos de cárcere por tentar asasinar á dona dunha casa de turismo rural
O tribunal tivo en conta as atenuantes de dilacións indebidas e de alteración psíquica
A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a tres anos de cárcere como autor dun delito de asasinato en grao de tentativa un home que golpeou cunha barra de ferro á propietaria dunha casa de turismo rural situada no partido xudicial de Muros, á beira da súa vivenda.
O tribunal tivo en conta as atenuantes de dilacións indebidas e de alteración psíquica. Na sentenza indica que as capacidades intelectivo-volitivas do imputado estaban “comprometidas moderadamente debido ao consumo de alcol combinado coas súas ideas deliroides de prexuízo”.
Os maxistrados tamén lle impuxeron a prohibición de residir no lugar no que sucederon os feitos, así como de achegarse á vítima, ao seu marido e aos seus fillos durante oito anos. Os xuíces consideran acreditado que actuou “con ánimo de atentar contra a vida” da afectada.