O Ensanche acollerá hoxe a Marcha Ciclista Popular +BICI
O percorrido, de trazado relaxado e seguro e de aproximadamente unha hora de duración, pasará por todas as rúas do Ensanche
A Marcha Ciclista Popular +BICI chegará o domingo 22 de setembro á súa terceira edición. Deportistas afeccionados de todas as idades e condición física poden participar na ruta, organizada polo Club Ciclista Compostelano ‐ Muebles Compostela e Santiago Centro. O percorrido, de trazado relaxado e seguro e de aproximadamente unha hora de duración, pasará por todas as rúas do Ensanche.
En +BICI poden participar nenos, familias e deportistas afeccionados, e non é necesario inscribirse previamente. Partirá ás 10.30 da Praza Roxa, lugar no que, ao termo da marcha, se levarán a cabo unha xincana de xogos ciclistas.
Con esta iniciativa, o Club Ciclista Compostelano ‐ Muebles Compostela e Santiago Centro, Área Comercial buscan promover o uso da bici na cidade e reforzar a necesaria convivencia entre ciclistas e automobilistas.
Percorrido completo
+BICI comezará ás 10.30 na Praza Roxa. Os participantes realizarán unha ruta relaxada percorrendo as rúas Praza Roxa ‐ Frei Rosendo Salvado ‐ Santiago de Chile ‐ Rúa Nova de Abaixo ‐ Montero Ríos ‐ Doutor Teixeiro ‐ Pza. Ponte Castro ‐ Xeneral Pardiñas ‐ República El Salvador ‐ Alfredo Brañas ‐ República Arxentina ‐ Pza. Ponte Castro ‐ Rosa ‐ San Pedro de Mezonzo ‐ Praza Roxa ‐ Frei Rosendo Salvado ‐ Ramón Cabanillas ‐ Fernando III ‐ Rosa ‐ Santiago de Chile ‐ Praza de Vigo ‐ Santiago del Estero e regreso final á Praza Roxa.