Queixas pola recuperación do uso do glifosato nos parques e xardíns da cidade
A asociación ecoloxista ADEGA vén de denunciar a fumigación dos espazos verdes de Compostela con este perigoso herbicida
Compostela Aberta lamenta que, tal e como vén de denunciar a asociación ecoloxista ADEGA, o Concello de Santiago recuperara o uso do glifosato nos parques e xardíns da cidade. En 2015, o Goberno de CA prohibira a súa utilización no tratamento das herbas adventicias, despois de que a propia Organización Mundial da Saúde clasificara esta substancia como “probablemente canceríxena para os seres humanos”.
O grupo municipal de Compostela Aberta preguntará no próximo Pleno ordinario pola utilización do glifosato que, segundo a OMS, é probablemente canceríxeno para os seres humanos e podería actuar como disruptor endocrino e ser tóxico para a reprodución. No Concello de Santiago decretárase a prohibición do seu uso en 2015, do mesmo xeito que o fixeron outros concellos galegos como A Coruña, Ourense, Marín, Combarro, Ames ou Brión. Ademais, o Parlamento Europeo aprobou en 2017 a prohibición total dos herbicidas a base de glifosato a partir de decembro de 2022, con restricións inmediatas para a súa utilización.
Compostela Aberta preguntará no Pleno se o Concello ten retomado o uso do glifosato e por que motivos. Tamén pedirá ao Goberno que explique se no prego técnico do novo servizo de limpeza viaria e recollida de residuos sólidos urbanos manterá a obriga de tratar as herbas adventicias con medios mecánicos, tal e como se contemplaba no borrador elaborado polo Goberno de Compostela Aberta.