jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

A Xerencia Sanitaria Compostelá pon en funcionamento un novo Hospital de Día en Conxo

A Xerencia Sanitaria Compostelá pon en funcionamento un novo Hospital de Día en Conxo
A Xerencia Sanitaria Compostelá pon en funcionamento un novo Hospital de Día en Conxo

Vai especialmente dirixido aos máis de 57.000 doentes crónicos pluripatolóxicos da área compostelá

A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago ven de poñer en marcha un novo Hospital de Día da área Medica, dependente do Servizo de Medicina Interna, situado no Hospital de Conxo. A súa posta en marcha encádrase na estratexia de Atención Integral ao Doente Crónico e Pluripatolóxico na área sanitaria compostelá e beneficiará considerablemente a todos estes pacientes, xa que promoverá un seguimento individualizado dos doentes e unha atención sanitaria proactiva dos máis vulnerables, procurando así anticiparse ás descompensacións previsibles.

Onte a xerente de Xestión Integrada de Santiago, Eloína Núñez, presentou aos medios de comunicación este novo dispositivo acompañada polo director de Procesos da xerencia, Alfonso Varela, o director de Procesos sen Ingreso, Felipe Calle, a directora de Procesos Asistenciais de Enfermería, Victoria Carral, a subdirectora de Procesos Asistenciais de Enfermería, Montserrat Souto, o xefe de Servizo de Medicina Interna, Antonio Pose, e o coordinador doa Área Ambulatoria de Medicina Interna, Francisco Javier Suarez Dono.

A xerente compostelá apuntou os principais obxectivos desta estratexia asistencial, como son “diminuír a mortalidade prematura das enfermidades crónicas mellorando o control dos factores de risco así como aumentar a calidade de vida dos doentes crónicos e pluripatolóxicos reducindo a discapacidade e dependencia ou actuando antes ante elas”. Para elo, destacou, realizouse unha reorganización dos circuítos de traballo para adecuar a organización asistencial ás necesidades do doente a través da consolidación da asistencia integrada entre atención primaria e hospitalaria.

Así, ademais de duplicar a capacidade da atención ambulatoria no hospital de día grazas ás obras realizadas este verán no Hospital de Conxo, que creceu en postos de atención aos doentes e en consultas, procedeuse a unha reorganización dos profesionais do Servizo de Medicina Interna.

Coa posta en marcha do novo hospital de día e a creación deste equipo identificarase antes ao paciente crónico e pluripatolóxico e será atendido de xeito multidisciplinar utilizando todos os recursos da área integrada, anticipándose así a futuras descompensacións. Para realizar este contacto directo constituíuse un grupo de profesionais específico, especialistas en Medicina Interna que darán apoio directo aos doentes e aos seus médicos de cabeceira, distribuídos en 6 sectores xeográficos. 

PACIENTES CRÓNICOS NA ÁREA COMPOSTELÁ

O 24,1 % da poboación á que presta asistencia a xerencia compostelá (107.768 persoas) son maiores de 65 anos, dos que 38.095 (8.5%) teñen 80 anos ou máis. Estímase que na área compostelá hai 51.095 pacientes crónicos (con polo menos 2 patoloxías crónicas) e case 6.300 se consideran doentes “fráxiles” que se caracterizan por ter máis de 2 patoloxías crónicas, teñen múltiples ingresos hospitalarios, visitas periódicas a dispositivos de urxencias, numerosas consultas externas e son pacientes polimedicados.

Este colectivo de máis de 57.000 doentes teñen desde principios desta semana un equipo no Servizo de Medicina Interna que dá apoio ao persoal sanitario do seu centro de saúde (médico de familia e persoal de enfermería) que realiza unha valoración integral da súa situación e un seguimento periódico da súa patoloxía, e nos casos máis vulnerables tamén se realizará valoración integral multidisciplinar (Traballador Social AP , Farmacéutico AP) e un seguimento máis estreito (cada 3 meses o Médico de familia e cada 2 semanas a Enfermeira de atención primaria)

Este equipo ten habilitada unha e-consulta rápida do médico de Familia co servizo de Medicina Interna (que responde en menos de 72 horas) e coa unidade de Hospitalización a Domicilio. Coa e-consulta poderán evitarse moitos traslados innecesarios ás urxencias e ás Consultas Externas do hospital, acadando o paciente unha atención sanitaria de calidade no seu entorno máis próximo. Ademais, esta nova unidade ambulatoria conta cunha consulta de alta resolución, xestiona a realización de probas diagnósticas hospitalarias e pode decidir o ingreso hospitalario directo (sen necesidade de acudir a urxencias).

Se ben o principal usuario desta nova área ambulatoria é o paciente crónico pluripatolóxico, tamén poderán prestar atención a doentes agudos que precisen un manexo rápido no hospital de día.

As obras de acondicionamento leváronse a cabo este verán, reformouse unha área total de 240 m2, dos que 110 m2 destínanse ao hospital de día para 11 cadeiras de brazos e 3 camas. No resto de superficie distribúense 6 consultas médicas. O importe do investimento ascende a 75.000 €, incluíndo equipamento.

Comentarios
Lo más