O PP de Santiago presenta un Plan de Medidas destinadas á rebaixa de impostos en 2020
A proposta do PP baséase nas boas magnitudes financeiras do Concello, particularmente nos elevados remanentes polos baixos niveis de execución
O Grupo Municipal do Partido Popular presentou onte un Plan de Medidas Fiscais dirixido a “aliviar”a carga fiscal da cidadanía a partir do vindeiro ano 2020. A proposta, que lle será trasladada o Goberno municipal coa intención de que sexa tratada nunha mesa de diálogo antes da elaboración e debate do orzamento municipal, fundaméntase na mellora das magnitudes financeiras -en especial polo incremento da recadación- e nos elevados remanentes acumulados polos baixos niveis de execución ao longo dos últimos anos. Isto é, na demostrada incapacidade do concello para “dixerir” os incrementos da recadación realizados desde 2010.
Segundo puxo de relevo o portavoz municipal do PP, Alejandro Sánchez Brunete –que compareceu acompañado do concelleiro Ramón Quiroga- este plan de liberación das cargas fiscais “reflicte un dos sinais de identidade do PP: a proteccion do contribuínte fronte á insaciabilidade fiscal do Concello” e advirte ao goberno municipal de que “non pode manter unha carga tributaria como a actual” e da necesidade de poñer fin á “fiscalidade pantagruélica” dos últimos anos.
Conforme ás estimacións realizadas, as medidas propostas poderían supoñer unha inxeccion de ata 2,3 millóns de euros nas economías dos contrubuíntes, o que redundaría nun aforro directo para a veciñanza, unha mellora das condicións para o consumo no comercio local ou a incentivación do emprendemento para amplar a actividade económica.
Para xustificar a proposta tívose en conta e mellora xeral das magnitudes financeiras do Concello, como consecuencia fundamentalmente da “desproporcionada suba dos valores catastrais que na última década rexistrou unha incremento superior aos 3.500 millóns de euros (dos 4.500 M€ de 2009 aos máis de 8.000M€ actuais) o que propiciou un aumento da recadación do IBI en preto de 59 millóns de euros, cunha media de 1.242 euros/contribuínte. Ao incremento da recadación sumáronselle outros parámetros e indicadores financeiros, como o superávit de 38 millóns de euros nos últimos anos, dos que 17,1 M€ corresponden ao último ano. Destes máis de 17 M€, de momento nada se ten destinado a investimentos, mentres 6 M€ xa foron devoltos ás entidades financeiras. Precisamente, o feito de que o Concello teña na actualidade 42 millóns de euros nos bancos foi outro dos motivos aducidos para xustificar unha rebaixa.
NOVE MEDIDAS
O Plan Fiscal que presenta o Grupo Popular contempla principalmente 9 medidas para aplicar ao longo do ano 2020 que inciden nos seguintes apartados: Imposto de Ben Inmobles (IBI), cunha baixada do 4% nos terreos de natureza urbana (que afectaria a uns 90.000 potenciais beneficiarios) e de tamén de natureza rústica (4.500 beneficiarios); o IBI de núcleos rurais, con reduccón do 90%, 75% e 45% para aqueles inmobles que carezan de 3, 2 ou 1 servizo básicos (3.000 posibles beneficiarios); para vivendas de protección autonómica (1.700 beneficiarios) incremento da actual reducción do 35% ata o 50% entre os 3 e 10 anos; e ata un 90% de reducción do IBI para familias numerosas (unhas 700 familias).
Outras medidas afectan a Imposto de Vehículos (máis de 60.000 recibos), cunha baixada de ata 5% en función da potencia fiscal; o imposto de constucións (ICIO), cunha baixada do 10% durante 2 anos para determinadas actuacións consideradas de interese municipal, ao igual que un 9% de rebaixa no imposto de pluvalías, con bonificacións de ata 95% por un especial interese municipal. Tamén se contempla unha bonificación de ata o 50% na cota municipal para o imposto de actividades económicas para as novas iniciativas desde o segundo ano e ata os 5 anos seguintes; e ata un 95% de bonificación para as que teñan a consideración de especial interese municipal, entre outras posibilidades, pola creación de emprego.
Por último, o Plan Fiscal que propón o Grupo Popular incide na modernización da administración tributaria municipal, con medidas como a creación dunha aplicación especifica tributaria para facer os trámites polo móbil, un borrador anual tributario (semellante ao da Axencia Tributaria estatal, para coñecer e programa o calendario tributario) e un plan para fusionar en 6 cotas ao longo do ano todos os tributos periódicos.