Activos varios incendios en Galicia
Desactivada a Situación 2 no incendio rexistrado no concello da Gudiña, parroquia de Barxa, onde a superficie afectada é dunhas 440 hectáreas
Desactivada a Situación 2 no incendio rexistrado onte ás 19,07 h. no municipio ourensán da Gudiña, parroquia de Barxa, logo de decretala por proximidade do lume ao núcleo do Seixo.
Este incendio, que comezou en Portugal, continúa arestora activo e segundo as últimas estimacións afecta unhas 440 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. No seu control levan traballado 1 técnico, 8 axentes, 24 brigadas, 14 motobombas, 4 pas, 4 helicópteros e 2 avións. Tamén colaboran efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Riós
Ás 00,36 h. desta madrugada comezaba un lume no concello ourensán de Riós, parroquia do Navallo, que permanece activo arestora. Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada é dunhas 20 hectáreas. Nos traballos de control levan participado 7 axentes, 12 brigadas e 6 motobombas.
Activo Chandrexa de Queixa
Nesta madrugada, ás 1,11 h., comezaba un incendio no concello ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Casteloais, que permanece activo arestora. Segundo as primeiras estimacións, afecta unhas 20 hectáreas de superficie. No seu control levan traballado 2 axentes, 3 brigadas e 5 motobombas.
Activo Quiroga - Hospital
O lume rexistrado onte no concello lugués de Quiroga, parroquia do Hospital, permanece activo logo de comezar ás 20,40 h. da tarde. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é dunhas 80 hectáreas. No seu control levan participado 1 técnico, 4 axentes, 18 brigadas, 9 motobombas e 3 pas
Activo Quiroga – Enciñeira
Tamén permanece activo outro lume no concello de Quiroga, esta vez na parroquia da Enciñeira, logo de comezar ás 1,40 h. desta madrugada. Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada supera as 20 hectáreas. No seu control mobilizáronse 5 axentes, 9 brigadas, 6 motobombas e 1 pa.
Controlado Palas de Rei
Controlado desde as 6,13 h. desta mañá un incendio que se rexistraba onte ás 20,58 h. no concello lugués de Palas de Rei, parroquia de Cabana. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 28 hectáreas, das cales 14 son de monte raso e 14 de arborado. Nos labores de extinción levan traballado 4 axentes, 9 brigadas, 10 motobombas e 2 pas.