Sánchez-Brunete: "Bugallo non conta cunha lexitimidade reforzada"
Na súa comparecencia, Sánchez-Brunete tamén lle solicitou ao actual alcalde que dixera “ata cando teñen pensado vivir da mala herdanza deixada por Compostela Aberta para xustificar o mal funcionamento dos servizos públicos”
O voceiro do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, invitou onte ao Goberno de Sánchez Bugallo, a todos e a cada un dos seus membros, a comparecer ante o Pleno do Concello, de maneira voluntaria, a explicar cales serán as liñas básicas de traballo de cada un deles durante este primeiro cuatrimestre.
Sánchez-Brunete destacou, en rolda de prensa, que para os Populares é imprescindible que o equipo de Goberno indique as prioridades do seu departamento, concretamente, a sinerxia que van seguir; as accións que van corrixir ou as iniciativas que pretenden promover.
"Todo parece indicar que o alcalde Bugallo, igual que o anterior mandatario municipal, aínda que non conta cunha lexitimidade reforzada, como sería unha maioría absoluta, entende que non está obrigado a atender os mandatos plenarios", polo que “si Sánchez Bugallo reivindica como exclusivamente súas e do seu goberno as competencias decisorias, o Grupo Municipal Popular reivindicará como seus os mecanismos de control ao Executivo actual”.
O voceiro Popular destacou que a “comparecencia dos concelleiros permitiría transparentar o exercicio do poder; coñecer a súa racionalidade e facilitaría a participación cidadá nos asuntos públicos, xa que acadaría coñecer de antemán iniciativas de doutro modo aprobaríanse sorpresivamente nas xuntas de Goberno, sen posibilidade de formular aportacións previas”, posto que un Goberno debe ser previsible e aberto”.
Por outra banda, na súa comparecencia ante os medios, Sánchez-Brunete tamén lle solicitou ao actual alcalde que dixera “ata cando teñen pensado vivir da mala herdanza deixada por Compostela Aberta para xustificar o mal funcionamento dos servizos públicos”. O Popular non nega o “desastre de xestión” do anterior Executivo municipal, pero remarcou que “nalgún momento, o Goberno de Sánchez Bugallo terá que “declararse plenamente responsable do funcionamento dos servizos municipais e do estado da cidade”.
“Quixéramos saber, a través destas comparecencias, se ese momento chegou ou aínda necesitan tempo para sentirse responsables”, destacou o dirixente Popular.
Alejandro Sánchez-Brunete subliñou ademais que do que “si son responsables , desde o primeiro día, é de determinados asuntos que proceden de anteriores tempadas de Sánchez Bugallo como alcalde, como é a osamenta do parque de bombeiros de Salgueiriños; a fiscalidade disparada; a crúa competencia á que se viu abocado o comercio locais; as zonas saturadas de ruído nocturno; a falta de prazas de aparcamento; e á ORA inútil, entre outros asuntos”. “De todo isto e doutras cuestións que irán aparecendo, si ten a obriga de dar unha resposta inmediata”, rematou.
Finalmente, o voceiro Popular solicitou tamén ao Grupo de Goberno que “non manteña o apagón informativo que supón a suspensión do servizo de retransmisión e gravación das sesións plenarias, xa que, neste momento non existen motivos para que se manteña a restrición da liberdade de información dos cidadáns e que non se tramite por vía de urxencia a contratación deste servizo”