miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Olga Novo presentará en Chan da Pólvora o seu novo poemario, "Feliz Idade"

Olga Novo presentará en Chan da Pólvora o seu novo poemario, "Feliz Idade"
Olga Novo presentará en Chan da Pólvora o seu novo poemario, "Feliz Idade"

O encontro, aberto ao público a partir das 20:30 horas, contará coa participación do profesor e escritor Claudio Rodríguez Fer

A poeta Olga Novo presentará o seu novo poemario, “Feliz Idade”, o vindeiro venres 20 de setembro na libraría compostelá Chan da Pólvora (rúa de San Pedro, 74), coincidindo coa terceira reimpresión da obra. O encontro, aberto ao público a partir das 20:30 horas, contará coa participación do profesor e escritor Claudio Rodríguez Fer. O eixe de “Feliz Idade”, publicado no selo Faktoría K de KALANDRAKA, é o ciclo vital que abrangue o tempo dende o nacemento e a nenez da filla da autora ata o declive físico e o pasamento do pai desta, polo que se trata dun libro cun fondo calado sentimental e emocional.

Comeza cunha carta-limiar dirixida á nena sobre a importancia das raíces familiares e da terra de Vilarmao, na localidade lucense da Pobra do Brollón, onde habitaron os seus ancestros, polo que nestes versos tamén teñen moito protagonismo o mundo rural e o seu progresivo abandono. Vidas, persoas e historias son a materia prima de “Feliz Idade”, que enlaza pasado, presente e futuro a través das distintas xeracións da familia.

Tamén se aprecia a pegada de voces literarias diversas, dende Rosalía de Castro ou Luís Pimentel, a John Berger, Walt Whitman ou Dylan Thomas. Trátase dunha poesía sinestésica, elaborada dende a madurez biográfica e literaria dunha escritora que reflicte a evolución da vida, con autenticidade e paixón.

Poeta, filóloga e profesora de Ensino Secundario en Monforte, Olga Novo exerceu antano a docencia nas Universidades de Rennes e de Lorient, na Alta e na Baixa Bretaña. Ademais de numerosas colaboracións en revistas e antoloxías, publicou os libros “A teta sobre o sol” (1996), “Nós nus” (1997, Premio Losada Diéguez), “A cousa vermella” (2004) e “Cráter” (2011, Premio da Crítica). Como ensaísta, é autora, entre outros, dos volumes “O lume vital de Claudio Rodríguez Fer” (1999, 2008) e “Uxío Novoneyra. Lingua loaira” (2005, Premio de Investigación Ánxel Fole).

Esta obra de Olga Novo súmase aos poemarios dos galegos Manuel Álvarez Torneiro -Premio Nacional de Poesía 2013-, Xavier Seoane, Martín Veiga, Luis Rei Núñez, Cesáreo Sánchez Iglesias e Lucía Novas que viron a luz na colección Tambo, xunto coa obra do catalán Antoni Marí e do vasco Joseba Sarrionandia, ademais doutros autores.

Comentarios
Lo más