Bugallo recibiu no Pazo de Raxoi a unha delegación do Colexio Oficial de Químicos de Galicia
O Colexio Oficial de Químicos de Galicia ten a súa sede en Compostela desde xuño do pasado ano
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu esta semana no Pazo de Raxoi a unha delegación do Colexio Oficial de Químicos de Galicia (Colquiga), encabezada polo seu decano-presidente, Manuel Rodríguez Méndez. “Queremos presentarnos e poñernos ao dispor dos veciños e da cidade de Santiago de Compostela, que acolle a nosa sede desde o pasado ano, e así llo transmitimos ao alcalde da capital de Galicia”, destacou o decano da institución colexial tras o encontro institucional.
O Colexio Oficial de Químicos de Galicia ten a súa sede en Compostela desde xuño do pasado ano. O día 29 dese mesmo mes a xunta directiva de Colquiga celebrou a súa primeira reunión nas novas instalacións. A nova sede do Colexio, que substituíu á situada na avenida Urzáiz de Vigo, está situada en Área Central Fontiñas (1ª planta, local 31-E).
O decano de Colquiga destacou ao alcalde de Santiago que Compostela é e será o centro sobre o que virará un amplo e completo programa de actividades programadas para o que resta de ano. O ente colexial organiza o I Congreso Didáctica da Química, que se celebrará no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela os próximo 4 e 5 de outubro. Rodríguez Méndez tamén informou a Xosé Sánchez Bugallo que o profesor Tomas Lindhal, premio Nobel de Química en 2015, acudirá en novembro ao XXV Encontro Galego Portugués de Química, que se celebrará na Cidade da Cultura. Lindhal, que mereceu o Nobel de 2015 por describir e explicar como as células reparan o ADN salvagardando a información xenética, participará na 25 edición deste congreso que comezou a súa andaina en 1985 tamén en Compostela.
Manuel Rodríguez Méndez tamén explicou persoalmente a Sánchez Bugallo os motivos do cambio de localización de Vigo a Santiago. “Os colexiados demandaban un lugar máis céntrico, desde o punto de vista xeográfico para situar a nosa sede”, asegurou. “Querían que o colexio estivese máis próximo dos colexiados e que estes, á súa vez, estivesen máis preto do Colexio”. A maioría apostou por Santiago, capital de Galicia, para situar a nova sede. Outra das razóns de elixir Santiago responde á proximidade das institucións. “O Colexio é unha entidade de Dereito Público, conforme a Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre Colexios Profesionais; e por tanto tamén hai unha necesidade de estar preto do Poder Executivo e do Poder Lexislativo de Galicia e das demais institucións que teñen a súa sede na capital galega”, explicou o decano.