Viaxe a Vigo co obxectivo da clasificación
Os locais reciben aos santiagueses despois de eliminar ao Campito FS por 1-4 o pasado día 25 de agosto
O Santiago Futsal viaxará hoxe a Vigo para enfrontarse ao Ganomagoga Vigo – IES Coruxo FS nos oitavos de final da XXIX Copa Galicia. O partido terá lugar no Pavillón Central As Travesas ás 19:00 horas.
Os locais reciben aos santiagueses despois de eliminar ao Campito FS por 1-4 o pasado día 25 de agosto no Municipal de Chapela.
Doutra banda, e tras clasificarse contra o Stellae FS despois dun gran partido en Padrón, os de David Rial chegan ao seu terceiro partido da temporada coas baixas de Jesús Gambín, recentemente operado e xa co alta hospitalaria, e Iván Beltrán, en fase de recuperación dunhas molestias nos isquiotibiais.
Ademais Nito, “Pirata” e Recio, actualmente concentrados coa Selección Española Sub 19, non poderán defender os intereses dos visitantes, xa que esta mesma fin de semana comezan a súa participación no primeiro Europeo Sub 19 da historia que se celebra en Riga.
O obxectivo é seguir avanzando no cadro da máxima competición galega, sabendo que calquera rival vai vender a clasificación moi cara.
O vencedor do encontro xogará o pase a semifinais contra o Coperfi Cereixa Gondomar FS, que conseguiu a vitoria ante o Pazos de Borben por 8 a 5 a pasada fin de semana.
A expedición santiaguesa sairá do Multiusos Fontes do Sar ás 16:15 e poñerá rumbo a casa nada máis finalizar o encontro.