jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

Confirman a multa de 60.177 euros a un club de alterne por dar emprego a estranxeiras sen permiso de residencia

Confirman a multa de 60.177 euros a un club de alterne por dar emprego a estranxeiras sen permiso de residencia
Confirman a multa de 60.177 euros a un club de alterne por dar emprego a estranxeiras sen permiso de residencia

A empresa, segundo consta na resolución, rexistraba as súas identidades e horarios de traballo, controlaba as súas vestimentas e fixaba o prezo e as condicións dos seus servizos

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra confirmou a sanción de 60.177 euros imposta pola Subdelegación do Goberno de Pontevedra a unha empresa por empregar a seis estranxeiras carentes de autorización de residencia e traballo nun club de alterne situado nas inmediacións do aeroporto de Peinador, en Vigo. O maxistrado indica na sentenza que tres subinspectoras de traballo “puxeron en evidencia” que as seis mulleres estranxeiras en situación irregular detectadas “na fase de alterne”, é dicir, de sedución e incitación ao consumo de bebidas, traballaban con días e horarios fixos desde facía, como mínimo, entre unha semana e un mes.

A empresa, segundo consta na resolución, rexistraba as súas identidades e horarios de traballo, controlaba as súas vestimentas e fixaba o prezo e as condicións dos seus servizos. Ademais, facilitáballes o aloxamento ou proporcionáballes un lugar no que cambiarse. O xuíz destaca que no rexistro de habitacións “só figuraban mulleres”.

“Con toda evidencia traballaban para a empresa. Sen a súa presenza, xunto coa das outras 18 mulleres identificadas, o local non podería funcionar, pois constitúen o único reclamo da súa clientela. Sen elas a empresa non obtería beneficio. Son a esencia do negocio”, salienta o titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra. O xuíz insiste en que, desde a perspectiva do Dereito Administrativo de Estranxeiría, “non cabe dúbida de que estas mulleres foron contratadas verbalmente pola empresa sen obter con carácter previo as preceptivas autorizacións de residencia e traballo”. Esta situación, segundo a sentenza, era “perfectamente coñecida pola empresa, porque as tiña identificadas e rexistradas, aceptándoas para traballar no seu local con pleno coñecemento da súa nacionalidade”. 

O maxistrado lembra que o 30 de decembro de 2013 impúxoselle á mesma sociedade unha sanción de 100.271 euros polo emprego de dez estranxeiras sen permiso de residencia e traballo. “Ese precedente pon de manifesto a súa mala fe, persistindo na súa práctica ilegal con pleno coñecemento de causa. Neste contexto non deixa de sorprender que a Administración neste novo expediente baremara a sanción no seu grao mínimo, cando a norma a habilitaba para a imposición de sancións de ata 100.000 euros por estranxeira, máis a clausura do local por entre seis meses e cinco anos”, indica o xuíz, quen explica na sentenza que a autoridade laboral e a Seguridade Social decidiron “deslindar a actividade de alterne (incitación ao consumo de bebidas) da de prostitución (relación sexual remunerada) desenvoltas nestes locais, esixindo o alta e cotización das mulleres pola primeira fase de alterne para que teñan unha mínima protección”.

Comentarios
Lo más