A Facultade de Xeografía e Historia da USC acollerá as xornadas sobre didácticas nas artes
A actividade está organizada pola Real Academia Galega de Belas Artes, as tres Universidades galegas e os Conservatorios Superiores de Música da Coruña e Vigo
A Real Academia Galega de Belas Artes, as tres Universidades galegas (Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña) e os Conservatorios Superiores de Música da Coruña e Vigo organizan as xornadas “Didáctica das artes na Galicia de hoxe. Crear para ensinar” hoxe venres día 6 e o sábado, 7 de setembro, no edificio da Facultade de Xeografía e Historia e na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela (USC) [rúa Praza da Universidade]. A conferencia inaugural será hoxe venres, ás 18:00 horas, e correrá a cargo do vicepresidente da Real Academia Galega de Belas Artes, o arquitecto Celestino García Braña.
Estas xornadas, dirixidas ao profesorado de todos os niveis educativos, teñen o recoñecemento da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional como “Actividade de Formación Docente para Profesorado Non Universitario” e son de carácter gratuíto.
As xornadas, na que participarán un centenar de profesores, están coordinadas pola profesora do Departamento de Didácticas Aplicadas da Facultade de Ciencias da Educación da USC e coordinadora do Grupo de Investigación Liter21, Carmen Franco Vázquez. Segundo explica, esta iniciativa nace a raíz do convenio de colaboración asinado entre a Real Academia Galega de Belas Artes, as tres universidades e os dous conservatorios superiores co obxecto de unir sinerxías e compartir actividades académicas. Ademais, a docente sinala que estas xornadas, que cumpren a súa segunda edición, teñen a finalidade de que os docentes activos –mestres de primaria e profesores de secundaria– poidan compartir experiencias educativas. "Cremos que desde e a través das artes pódese educar a cidadáns responsables e críticos, que poidan pensar por si mesmos, e á vez ser cidadáns plenos e felices capaces de transmitir emocións” –destaca–.
Ademais, Carmen Franco considera que as artes “non están ben tratadas” no sistema educativo e asegura que deberían ter máis presenza. A Lei Orgánica 8/2013, para a mellora da calidade educativa (LOMCE), denominada popularmente como lei Wert, desprazou ás ensinanzas artísticas dos plans de estudo, aínda que en Galicia a Xunta decretou a súa obrigatoriedade na educación primaria, onde a música e a plástica están unidas. “A ensinanza artística ten implicación nas demais disciplinas, xa que a música pode axudar nas matemáticas e o debuxo a representar mellor os conceptos espaciais da xeometría, por exemplo” –indica–.
Pola súa parte, Celestino García Braña falará na conferencia inaugural de como “Entender e ensinar a arquitectura como arte colectiva”, centrándose na obra de rehabilitación que realizou hai 25 anos da Igrexa da Compañía ou da Universidade da USC, un monumento relixioso do barroco do século XVII. Foi construída polos xesuítas, pero cando no XVIII foron expulsados de España, pasou a ser a capela da Universidade e as imaxes da fachada que representaban a San Ignacio e a San Francisco Javier foron modificadas para representar a San Pedro e a San Pablo. Posúe un valioso retablo maior barroco no seu interior. Actualmente, úsase de forma activa como sala de exposicións e sede da Orquestra da USC.
Durante a rehabilitación, o equipo técnico de García Braña atopou baixo o caruncho do chan de madeira do templo un cemiterio medieval que posiblemente pertencía ao antigo mosteiro de Santa María a Nova. Ante o achado, optouse por instalar no chan grandes pranchas de cristal para permitir aos visitantes un percorrido visual polo panteón. Entre as tumbas atopábanse a da muller do arquitecto Domingo de Andrade.
A programación das xornadas inclúe conferencias plenarias, como a do profesor do Departamento de Escultura da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, Javier Tudela, que falará sobre o síndrome de Brancaneves; e a do profesor de Didáctica da Expresión Plástica da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Vicente Blanco, sobre educar a través da arte. Ademais, organizaranse outras actividades simultáneas, como obradoiros e mesas redondas sobre cuestións musicais, das artes plásticas ou da cinematografía.