jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

O CHUS aumentou a súa actividade cirúrxica nun 6,71% nos meses de verán

O CHUS aumentou a súa actividade cirúrxica nun 6,71% nos meses de verán
O CHUS aumentou a súa actividade cirúrxica nun 6,71% nos meses de verán

Mantivo operativas preto do 95% das camas da xerencia, unha porcentaxe superior á do pasado ano

No período estival deste ano a área sanitaria pública compostelá incrementou un 6,71% a súa actividade cirúrxica respecto á realizada nos meses de xullo e agosto do ano pasado, período no que xa se aumentara respecto a anos anteriores. Así mesmo mantivéronse operativas preto do 95% das camas dos hospitais de agudos do CHUS, cifra superior á do verán 2018 e moito maior á de anos anteriores. Aínda así nos meses de xullo e agosto deste ano tan só se precisou a ocupación de preto dun 75% das camas operativas no CHUS.

O aumento de camas dispoñibles con respecto a anos anteriores foi debido ao incremento da programación da actividade cirúrxica para eses meses e puido levarse a cabo grazas á dispoñibilidade dos profesionais sanitarios da área trala planificación realizada xunto aos xefes de servizo e a colaboración dos traballadores para incrementar a actividade neste período. O Hospital de Conxo mantivo actividade cirúrxica, superior á do pasado ano, en especialidades como oftalmoloxía, dermatoloxía e cirurxía plástica. O resto dos servizos cirúrxicos desenvolveron a súa actividade estival no bloque do Hospital Clínico.

Esta programación realízase tendo en conta a responsabilidade principal da sanidade pública galega de garantir a seguridade e calidade asistencial dos pacientes, respectando a prioridade das patoloxías, sen retrasar procesos que non poidan esperar.

Trátase dunha medida de xestión habitual en todos os hospitais do Sistema Nacional de Saúde, que se realiza para asegurar as necesidades de cobertura asistencial á poboación. Esta programación realízase de acordo coa previsión da demanda e trala avaliación da actividade estival dos últimos anos e a programación cirúrxica planificada en función da dispoñibilidade de persoal.

Os meses de verán constitúen a época do ano na que hai menor demanda asistencial xa que, se ben nalgunhas patoloxías mantense, é cando se rexistran menos ingresos hospitalarios por patoloxías estacionais e minimízanse as reagudizacións de enfermidades crónicas. Esta diminución permite, amais, que durante estes meses se poida concentrar, tal e como demandan os profesionais, a maior porcentaxe de vacacións dos traballadores no conxunto dos centros sanitarios.

Por outra banda, aprovéitase este período para levar a cabo diversas obras. Así no hospital de Conxo planificouse a renovación global dos cabeceiros de todas as habitacións do andar 0, que acolle doentes de traumatoloxía e outras especialidades cirúrxicas. Serán 43 camas que terán pois unha intervención na modernización das súas instalacións eléctricas e de gases medicinais conectados aos cabeceiros das camas. No andar 3 / Dereita levarase a cabo unha reordenación e reforma integral que afectará tanto ás habitacións como ás zonas comúns, e que acollerá a nova unidade de Coidados Paliativos, ademais están programados outros pequenos traballos de mantemento.

Así mesmo, neste verán tamén se programaron labores de mellora en 12 quirófanos da área, tanto no Hospital Clínico (7 no bloque cirúrxico + 1 partos + 1 UCMA) como no Hospital Médico-cirúrxico de Conxo (2) e no Hospital da Barbanza, para proceder á renovación da súa instalación lumínica.

A xerencia de Santiago insiste en que todos os recursos están dispoñibles e sempre que se necesitan están inmediatamente operativos, tal e como se ten demostrado en pasados veráns, e lembra que a actividade de urxencias diminúe lixeiramente respecto á media anual ao tempo que mantén estable o cadro de persoal de todo o ano.

DEMORA MEDIA

As demoras medias dos pacientes da Xerencia de Xestión Integrada son públicas e están a disposición de quen as queira consultar. Puntualmente infórmase da situación dúas veces ao ano segundo o consensuado polos expertos sanitarios no eido nacional.

Os datos das listas de espera da Xerencia de Santiago a 30 de xuño, publicados na páxina web da consellería de Sanidade, indican que a demora para a cirurxía continúa diminuíndo (cinco días menos que no mesmo período do ano pasado). Amais, incrementouse a actividade cirúrxica e reduciuse o 14% o número de pacientes que esperan por una cirurxía.

Con respecto ás consultas hospitalarias, no primeiro semestre leváronse a cabo máis de 426.000 mantendo a espera para una primeira consulta de enfermidade en parámetros similares aos de xuño do ano pasado, nos 32,8 días (no conxunto de hospitais da rede esperan una media de 37,6). Redúcese o número de doentes en espera por una consulta un 7%.

Comentarios
Lo más