Un pescador rescatado da auga nas proximidades da Illa do Pé, na Coruña
O home puido ser atendido polo equipo da ambulancia desprazado ata o lugar máis próximo e, posteriormente, evacuado ao centro hospitalario
Un pescador foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña tras ser rescatado na mañá de onte despois de caerse á auga na zona da Illa do Pé, na Coruña.
Ao fío das 13:15 horas de onte, o 112 Galicia recibía a chamada dun particular que solicitaba asistencia médica para un pescador ferido tras sufrir un accidente no mar. Segundo puideron saber os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, o home foi recollido por unha embarcación particular que navegaba pola costa.
Así, desde o 112 Galicia pediuse a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos membros de Salvamento Marítimo e Gardacostas de Galicia, e tamén dos axentes da Policía Local. Do mesmo xeito, informouse ao Grupo de Rescate Acuático dos Bombeiros da Coruña e Protección Civil da localidade.
Finalmente, o home puido ser atendido polo equipo da ambulancia desprazado ata o lugar máis próximo e, posteriormente, evacuado ao centro hospitalario.