Morre un operario e outro ferido nun accidente laboral ao caer ao vacío dende un quinto piso
Foi necesaria a intervención dos Bombeiros da Coruña para liberar a un dos traballadores que se viu implicado no incidente
Un accidente laboral ocorrido á altura do número 14 da Avenida Novo Mesoiro, na Coruña, mobilizou aos servizos de emerxencia na mediodía mediodía. Dous operarios tiveron que ser evacuados en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña tras precipitárense dende o andamio no que traballaban e resultar feridos de diversa consideración. Un deles morreu na tarde de onte no CHUAC debido as súas feridas
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, foi necesaria a intervención dos Bombeiros da Coruña para liberar a un dos traballadores que se viu implicado no incidente.
Ademais, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento confirmaron aos xestores do 112 que, malia a que a caída da estrutura provocou a avaría de varias tubarias de gas, non chegou a producirse un escape.
Por precaución, efectuouse o corte na subministración do combustible e, unha vez rematada a intervención, os servizos de emerxencia aseguraron que as medicións eran negativas.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias tivo constancia dos feitos ás 14:30 horas, a través da chamada de varios particulares que presenciaron o accidente.
De inmediato, púxose en marcha un operativo que, ademais da intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos bombeiros da cidade coruñesa, contou coa colaboración dos axentes da Policía Nacional e Local. Os membros de Protección Civil da localidade tamén foron informados.