A base do Santiago Futsal capitaneará A Resistencia
Ismael Vázquez consolídase como capitán tras aumentar a súa responsabilidade con respecto ao curso pasado
O Santiago Futsal xa ten definidos aos seus capitáns para a temporada 2019-2020. Ismael, Alberto Mirás e Dani Blanco encabezarán o equipo nesta segunda campaña consecutiva do Santiago Futsal na Segunda División da LNFS.
Ismael Vázquez consolídase como capitán tras aumentar a súa responsabilidade con respecto ao curso pasado. O villabés, xa na súa sexta temporada na escuadra santiaguesa, ten clara a importancia do cargo: “Moi orgulloso de ser un dos capitáns deste gran club. Despois de todos estes anos, esta elección fai que afronte o reto con responsabilidade, e aínda con máis ilusión e paixón se cabe.”
Alberto Mirás é o que máis temporadas leva no conxunto santiagués. Desde a súa chegada ao club en benxamíns, pasou por todas as categorías ata debutar no primeiro equipo sendo xuvenil de segundo ano e mesmo chegando a ser internacional coa selección Sub 19. O santiagués afirmou: “persoalmente, gustaríame agradecer a David a confianza depositada en min. Os tres afrontamos isto como un gran orgullo pero tamén como un gran compromiso. Tentaremos facelo o mellor posible para cumprir tanto coa afección como cos nosos compañeiros”
Dani Blanco inicia o seu segundo ano consecutivo e o seu noveno no club. Despois do seu paso por outros equipos do panorama do fútbol sala español, asume a elección como un compromiso: “o poder representar ao equipo da túa cidade como capitán fai que esta sexa unha temporada moi especial. Este grupo ten unha gran marxe de mellora e tentaremos axudar aos xogadores máis novos para corresponder a esta decisión do adestrador e darlle todas as alegrías posibles á nosa afección”.
Os tres xogadores coñecen o que supón o esforzo de chegar ao primeiro equipo tras pasar polas categorías inferiores o que, sumado ao seu carácter e á súa experiencia dentro dos terreos de xogo, fixo a David Rial confiar neles para capitanear A Resistencia.