Noia acolle hoxe a XXIII Carreira Nocturna na que participarán 660 persoas
Con saída e meta na Alameda, as probas infantís darán comezo ás 21:00 e a proba absoluta sairá ás 22:00 horas
Un total de 660 persoas, 353 adultos e 307 escolares, participarán hoxe sábado 31 de agosto na XXIII Carreira Noctura Pedestre Popular de Noia, que organiza o Concello de Noia en colaboración co Club Atletismo Noia (CAN). Unha cifra que supón un incremento da participación do 7% con respecto á edición do ano pasado, na que se inscribiran un total de 617 persoas. Un incremento que chega ao 18% no que atinxe á proba absoluta de 8 quilómetros, que pasa dos 298 aos 353 participantes.
A Policía Local de Noia lembra que por mor da celebración da carreira estará prohibido aparcar, a partir das 19:00 horas de hoxe sábado, na marxe esquerda da rúa República Arxentina, na rúa Malecón de Cadarso, na rúa Corredoira (á altura da Ponte de Traba) e nas inmediacións da ponte peonil de madeira que une o Espírito Santo coa zona de San Lázaro. Unhas zonas que se atopan debidamente sinalizadas dende onte xoves.
HORARIOS E PREMIOS
Os dorsais de competición poderán recollerse na zona da Alameda, a carón da saída das probas, dende as 19:00 horas e ata media hora antes do inicio de cada proba. Ás 21:00 horas tomarán a saída os 53 corredores e corredoras da categoría Chupete (250 metros con saída no Palco da Música e chegada a carón do Concello). Ás 21:07 horas será a quenda dos 75 “Pitufos”, que cubrirán 350 metros pola rúa Rosalía de Castro para xirar no Palco da Música e baixar cara a meta.
Os 105 corredores Sub 10 e Sub 12 competirán xuntos ás 21:15 horas sobre unha distancia de 1 quilómetro (saíndo da Alameda en dirección á Porta da Vila cara a Praza das Américas, onde darán volta na rotonda para facer o mesmo percorrido de volta á Alameda). Finalmente, os 74 Sub 14, Sub 16 e Sub 18 percorrerán 3 km a partir das 21:30 horas (cun percorrido con saída e chegada na Alameda e que percorrerá practicamente toda a vila: casco antigo, praza das Américas, rúa de Galicia...).
Os 353 participantes da proba absoluta sairán ás 22:00 horas para dar dúas voltas a un circuíto de 4 quilómetros moi semellante ao realizado polos xuvenís, co engadido dun tramo pola República Arxentina. Ás 23:15 horas terá lugar a entrega de premios nun palco instalado na Alameda.
O Concello de Noia establece premios en metálico para os tres primeiros clasificados e tres primeiras clasificadas da proba absoluta, de 300, 175 e 125 euros, respectivamente. Así mesmo, haberá premios de 200, 100 e 75 euros para os tres primeiros clubs clasificados. Ademais, entregaranse trofeos aos 3 primeiros/as clasificados/as masculinos e femininos da proba absoluta (adultos), aos 3 primeiros/as clasificados/as de cada categoría estabelecida (tanto masculinos como femininos), aos 3 primeiros/as atletas locais clasificados/as da proba absoluta (tanto masculino como feminino) e aos 3 primeiros clubs da clasificación final. Os trofeos non serán acumulativos, agás o dos atletas locais. Nas categorías Chupete e Pitufo non haberá trofeos, senón que se entregarán medallas a todos os participantes.
A XXIII Carreira Nocturna Pedestre Popular forma parte do VII Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña e desenvolverase baixo o control técnico da Delegación de Santiago da Federación Galega de Atletismo. Na carreira renderase homenaxe a Manolo Paz Suárez (Noia, 1933) que aos seus 86 anos vén de gañar as probas dos 200 e 400 metros no Campionato de España Máster e que participará do 9 ao 12 de setembro nos Campionatos de Europa Máster.