Preguntan a Bugallo sobre a posible adquisición dun vehículo autobomba forestal
Os Populares lembran que no momento no que deixaron o Goberno, en 2015, xa se tiñan iniciados os primeiros trámites para levar a cabo dita adquisición e destacan que a necesidade de tal vehículo se reflectía no informe de traspaso de poderes
O Grupo Municipal Popular preguntaralle ao Goberno de Sánchez Bugallo se ten pensado adquirir un vehículo autobomba forestal, para actuacións no rural santiagués.
Os Populares lembran que no momento no que deixaron o Goberno, no ano 2015, xa se tiñan iniciados os primeiros trámites co fin de levar a cabo dita adquisición e destacan que a necesidade de tal vehículo se reflectía no informe de traspaso de poderes.
Cabe sinalar que nos catro anos de Goberno de Compostela Aberta, non se adquiriu nin un so vehículo, a pesar de contar con dispoñibilidade económica e pese ao notable envellecemento de determinadas unidades e outras carencias no parque móbil.
Ao grupo que dirixe Agustín Hernández sorpréndelles que para o Goberno de Sánchez Bugallo a prioridade para o parque de vehículos de bombeiros sexa a adquisición duns automóbiles lixeiros, cando unha autobomba forestal debería ser unha urxencia nun municipio cunha ampla área rural.
Os Populares remarcan que este tipo de vehículos amplían e melloran a capacidade de resposta fronte aos posibles lumes na ampla área rural de Santiago, onde a accesibilidade é moito máis complicada para os vehículos convencionais, en orde a garantir a integridade dos veciños e dos bens.