miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A voltas coa construcción dun novo edificio da Escola Oficial de Idiomas

A voltas coa construcción dun novo edificio da Escola Oficial de Idiomas
A voltas coa construcción dun novo edificio da Escola Oficial de Idiomas

Denuncia que o centro actual incumpre as condicións que marca o Decreto 81/2018 e que Santiago perde a oportunidade de ofrecer idiomas para os que existe demanda

Goretti Sanmartín Rei, portavoz do BNG no Concello de Santiago, considera desafortunadas as declaracións do alcalde de Santiago en que dá por perdida a posibilidade de construción dun novo edificio para a Escola Oficial de Idiomas nos terreos previstos en Santa Marta. Sanmartín lembra que en outubro de 2017 se aprobou no Concello de Santiago unha declaración institucional, a raíz dunha moción do BNG, para reclamar unha partida para a nova Escola Oficial de Idiomas nos Orzamentos da Xunta. A escusa utilizada por Sánchez Bugallo é a posíbel diminución de alumnado, segundo fontes da Consellaría de Educación, unha diminución que non só non é unha realidade nesta altura, senón que mesmo contradí os datos da propia Xunta que, no pasado mes de marzo, sinalaba que existía unha recuperación de persoas interesadas nestes estudos.

Foi en setembro de 2012 cando o Concello de Santiago puxo a disposición da Xunta de Galicia unha parcela de 6 200 m2 no barrio de Santa Marta para a construción dun novo edificio para a Escola Oficial de Idiomas que, na actualidade, ten que distribuír o seu alumnado entre o edificio principal, en Vite, e no Instituto de Sar, non habilitado para as funcións que se requiren. O actual edificio incumpre varios dos requisitos do Decreto 81/2018 que rexe as condicións que debe ofrecer: nin a biblioteca nin a sala de usos múltiples teñen os metros legalmente estabelecidos, nin dan cabida ás persoas que recolle a norma nin cumpren as características que se indican. Mesmo a sala de usos múltiples ten que usarse en ocasións como aula. Tampouco a sala multimedia cumpre as condicións que indica o Decreto nin existen despachos separados para as diferentes funcións directivas.

Para alén de todas estas cuestións, sabendo que o número de persoas matriculadas no último curso foi de 5 300 e que non hai nada que indique que esa cifra vaia baixar nuns momentos en que aínda non pechou o período de matrícula, hai diferentes agravios comparativos a respecto doutras escolas e un insuficiente número de idiomas a impartir na capital do país. Así, é imposíbel coas actuais instalacións ofrecer idiomas moi demandados, como xaponés (que si se oferta na Coruña e en Vigo), chinés, ofertado en Lugo, árabe ou ruso. Unha cidade con Universidade e unha importante oferta turística non pode resignarse a ofrecer unicamente sete idiomas e renunciar a incrementar a oferta de aprendizaxe. “É un clamor na cidade que se constrúa unha nova Escola Oficial de Idiomas. Santiago non é unha cidade calquera de menos de 100 000 habitantes. É unha cidade universitaria, con alta afluencia de turismo estranxeiro e cabeceira de comarca. Non é de recibo que sexa o propio alcalde a persoa que, en vez de pelexar por podermos ofrecer máis idiomas, dea por boa a oferta e condicións que na actualidade padece a comunidade educativa da Escola Oficial de Idiomas”, sinalou Sanmartín.

O BNG presentou en diferentes anualidades emendas aos Orzamentos da Xunta para incluír unha partida específica para a construción da nova Escola Oficial de Idiomas, unha vella reclamación en que parecía existir acordo de todos os grupos políticos. Tras escoitar as sorprendentes declaracións do rexedor de Santiago, o BNG volverá levar ao pleno unha moción de apoio á construción do novo edificio da Escola Oficial de Idiomas e solicitará que esta sexa unha cuestión prioritaria deste goberno, que parece moverse máis polo interese de quedar ben coa Xunta de Galicia que por aquilo que é de xustiza para Santiago de Compostela. 

Comentarios
Lo más