Cisma entre os clubs de fútbol da Delegación de Santiago e a RFGF
Os clubes de Santiago esperan que a Xustiza decida se o despedimento é procedente ou non o é
O pasado 23 de xullo fíxose oficial o despedimento de Montse Gianzo despois de máis de 20 anos traballando na Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) coa plena satisfacción de todos os clubs da zona de Santiago, dados os coñecementos adquiridos ao longo de tanto tempo e a súa boa disposición para atender os problemas que lle formulabamos a diario. Razóns alegadas: “falta de carga de traballo”.
Ante devantida situación, os clubs da Delegación de Santiago "creamos unha plataforma na que se integraron máis de 80 entidades deportivas", aseguran nun comunicado.
O primeiro paso foi solicitarlle ao presidente da RFGF, Rafael Louzán, unha reunión para que explicase as razóns de tal decisión, xuntanza que tivo lugar o pasado 8 de agosto nas dependencias federativas.
No transcurso da mesma, no lugar das explicacións que os clubes da Delegación de Santiago pensaban recibir, atopáronse "cunha serie de ambiguas acusacións no plano de relacións persoais (que esperamos que sexan capaces de probar ante o SMAC) e outras moi graves que non podía comunicar por estar en vía xudicial”, negándose a posibilidade de readmitir á traballadora tal e como lle foi solicitado por todos os presentes.
Polo tanto, os clubes de Santiago esperan que a Xustiza decida se o despedimento é procedente ou non o é.