Piden "normalizar" a situación actual da Banda Municipal de Música
Este organismo permanece sen director titular desde o ano 2016, momento no que Miguel Romero Llopis renunciou ao seu cargo
O Grupo Municipal do Partido Popular insta ao Goberno de Sánchez Bugallo a que normalice a situación da Banda de Música Municipal, que se atopa sen director desde o ano 2016.
Nese momento, Miguel Romero Llopis renunciaba ao seu cargo, manifestado a súa preocupación pola situación de inestabilidade na que quedaba o proxecto desta emblemática institución santiaguesa, inquietude que hoxe parece totalmente fundada, xa que, máis de 3 anos despois a Banda segue sen ter unha situación normalizada.
Cabe sinalar que Romero Llopis chegou á dirección da Banda Municipal despois dun concurso público, realizado baixo o mandato do Partido Popular no Concello e foi quen de darlle unha nova visión a este organismo e fomentar a súa implicación con outras entidades sociais, culturais e musicais da capital de Galicia.
Para o Grupo que dirixe Agustín Hernández, o anterior Goberno “non apoiou en nada a este organismo musical” o que puxo en perigo o proxecto da Banda, tanto polos recortes orzamentarios como pola situación do persoal, motivo polo que os Populares queren advertir ao Goberno do PSdG da necesidade de plantexar a súa revitalización.
Os Populares consideran que é imprescindible que o Grupo de Goberno presente un proxecto de impulso da Banda municipal para darlle o lugar que merece esta institución que conta con máis de 170 anos as súas costas e que ten un gran recoñecemento por parte dos veciños e do resto de espectadores.
Para os Populares, a Banda de música ten que contar cun espazo propio e amplo dentro da programación cultural municipal e establecer sinerxías con outros colectivos e actividades que se desenvolvan no termo municipal, así como a participación da mesma fóra de Santiago, una vella aspiración deste organismo.
Por todo isto, faise necesario que o Goberno de Sánchez Bugallo explique cales son os pasos que vai dar para restablecer a normalidade desta entidade musical.