miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Ceden ao Concello un retrato do ex alcalde republicano Francisco Javier Vázquez Enríquez

Ceden ao Concello un retrato do ex alcalde republicano Francisco Javier Vázquez Enríquez
Ceden ao Concello un retrato do ex alcalde republicano Francisco Javier Vázquez Enríquez

O cadro cedido é un retrato de busto, no que Francisco Javier Vázquez Enríquez aparece sobre un fonde neutro, lixeiramente iluminado na parte posterior

O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá o acto de formalización da cesión dun retrato de Francisco Javier Vázquez Enríquez, alcalde de Santiago entre novembro de 1934 e febreiro de 1936, realizado por Elvira Santiso. Asinaron o documento de cesión o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a neta do ex rexedor, María Concepción Vázquez de Benito.

O cadro cedido é un retrato de busto, no que Francisco Javier Vázquez Enríquez aparece sobre un fonde neutro, lixeiramente iluminado na parte posterior. A autora, Elvira Santiso, realizou o óleo a partir dunha fotografía datada en 1935.

Deste xeito, tal como sinalou o alcalde, o Concello xa conta con retratos de dous dos tres rexedores que tivo Santiago durante a Segunda República: Francisco Javier Vázquez Enríquez, entre o 17 de novembro de 1934 e o 23 de febreiro de 1936, e Ánxel Casal Gosende, dende esta última data ata o seu asasinato. Faltaría o retrato de Raimundo López Pol, alcalde entre o 19 de abril de 1931 e o 17 de novembro de 1934, razón pola que Sánchez Bugallo se porá en contacto coa súa familia a fin de realizar o cadro. 

Comentarios
Lo más